Friday 22 de November de 2024

Sandra Insua solicítalle ao delegado do Goberno que se busque unha solución urxente para poder construír o paseo de Area da Vila


· José Miñones realizou hoxe, mércores 25 de agosto, a súa primeira visita institucional ao municipio.

· A rexedora ensinoulle a zona na que está proxectado o paseo e transmitiulle a importancia de executalo canto antes para protexer as vivendas do mar.

· “O proxecto anterior é inviable xa que ía por dominio público terrestre pero podería executarse en zona de servidume, os terreos xa están expropiados e á disposición de Costas”, explicou Sandra Insua.

· Miñones comprometeuse a “organizar no mes de setembro unha xuntanza xo Xefe de Costas para estudar as posibilidades de darlle unha solución definitiva”.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, solicitoulle hoxe ao delegado do Goberno, José Miñones, durante a súa primeira visita institucional ao Concello, que se busque de xeito urxente unha solución para poder construír o paseo marítimo de Area da Vila, que permitirá protexer ás vivendas alí situadas.

A rexedora ensinoulle a zona e explicoulle que, tras encargar a un enxeñeiro industrial e a unha xeóloga que visitaran o lugar para avaliar o seu estado, constataron que os temporais do último inverno aceleraron o proceso de erosión dos taludes que protexen da acción do mar as vivendas da Avenida da Coruña e que agora corren perigo de derrubamento.

Estes edificios atópanse en dominio público, o que dificulta a intervención. “Había un proxecto do ano 2010 para construír un paseo marítimo que agora é inviable porque a Lei de Costas prohibe este tipo de actuacións pero cremos que é necesario redactar un novo que ocupe a zona de servidume, onde os terreos xa están expropiados e á disposición de Costas”, comentou Insua.

No mes de novembro de 2020; nunha reunión telemática co subdirector xeral para a Protección de la Costa, Ángel Muñoz Cubillo; o Concello xa amosara a súa preocupación polo estado dos edificios e pedira que se dese luz verde á redacción dun novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo. E en marzo deste ano, nunha reunión co Xefe da Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, volveuse a transmitir a urxencia de executar o proxecto do paseo marítimo.

Pola súa parte, José Miñones comprometeuse a “organizar no mes de setembro unha xuntanza xo Xefe de Costas para estudar as posibilidades de darlle unha solución definitiva ao paseo marítimo e ao problema das vivendas” e lembrou que “este paseo daralle continuidade á senda, que xa está aprobada a expensas dunha autorización de Patrimonio, e que unirá as praias de Area da Vila e Lingunde”.