O próximo 4 de setembro o Concello de Touro acollerá unha das rutas ambientais organizadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo.
O entorno natural protagonista será a ribeira do río Ulla, un dos recursos turísticos por excelencia do concello, polo que se fixeron grandes esforzos, porén, case a totalidade da ribeira do Ulla no termo municipal de Touro é transitable a través de varias rutas de sendeirismo homologadas. Nelas podemos descubrir, tanto paisaxes espectaculares, como O Pozo do Pego ou a Fervenza do Inferniño, coma estupendos exemplos de elementos patrimoniais de tipo etnográfico e cultural: ouriceiras, muiños ou pesqueiras.
Cun enfoque distinto e guiados por persoas expertas, os participantes da ruta ambiental familiarizaranse ca gran variedade de especies de flora e fauna da ribeira do Ulla, unha oportunidade única para coñecer mellor o noso entorno natural e aos seus habitantes máis tímidos e descoñecidos.
A ruta é gratuita e apta para maiores e pequenos, para inscribirse, só é necesario contactar co GDR Ulla Tambre Mandeo a través do teléfono ou correo electrónico (981 511 377, leader@gdrullatambremandeo.gal)