― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación deste programa de promoción do Camiño de Santiago organizado polo club de baloncesto Monbus Obradoiro
― O Goberno galego vén colaborando con esta iniciativa que atrae a grandes figuras do baloncesto mundial desde o seu inicio
A Xunta volverá colaborar este ano co desenvolvemento da iniciativa O Camiño remata en Obradoiro, que organiza o club de baloncesto Monbus Obradoiro e atrae desde hai xa sete anos a unha figura do baloncesto mundial para percorrer distintas etapas da ruta xacobea co obxectivo de promovela entre os deportistas e os afeccionados a esta modalidade deportiva.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe xunto a representantes do club de baloncesto na presentación da nova da iniciativa, da que dixo que constitúe un dos exemplos máis senlleiros das iniciativas que se desenvolven en España en canto á promoción do deporte co Camiño de Santiago e os seus valores, “relacionados coa solidariedade, o esforzo, a espiritualidade e o encontro cun mesmo e co propio territorio polo que atravesa”.
Nava Castro tamén lle agradeceu ao Monbus Obradoiro, aos seus xogadores, directivos e a todo o persoal do club a súa implicación na difusión do Camiño entre os seus xiareiros como entre a colectividade de xogadores, “tanto de propia formación como do resto de clubes de España, e por ese labor de difusión internacional que leva a promover esta iniciativa fóra do noso territorio”.
Colaboración desde o inicio
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia lembrou que a Xunta vén colaborando desde o seus inicios con esta iniciativa que xa se ten consolidado como unha das citas anuais máis salientables entre o mundo do deporte e o Xacobeo.
Na súa intervención, Nava Castro tamén se referiu á gran recuperación que vive o Camiño de Santiago, coa recepción de máis de 86.000 Compostelas desde comezos de ano, relacionando este éxito coa celebración da iniciativa O Camiño remata en Obradoiro, entre outras que levan o nome da ruta xacobea e de Galicia a contornas tanto nacionais como internacionais.
O Camiño remata en Obradoiro celebrará este ano a súa sétima edición e contará coa presenza do ex xogador da NBA Craig Hodges que desenvolverá varias etapas do Camiño Portugués da Costa.
En anteriores edicións participaron os xogadores Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Aza Petrovic, Amaya Valdemoro e José Manuel Calderón.