Friday 22 de November de 2024

O turismo en Galicia pecha xullo cunha evolución 20 puntos mellor que a media nacional


— O número de viaxeiros descendeu un 10,7% na comunidade respecto a xullo de 2019 con 480.000 visitantes, case 20 puntos menos que a caída de case o 30% no conxunto de España

— A mellora da situación tamén se reflicte nas pernoitas con 25,4 puntos por riba do descenso a nivel nacional ata superar 1M de noites o mes pasado

— Galicia comeza a reactivar a actividade turística cun 81% máis de visitantes e un 73% máis de pernoitas que o ano pasado

— A mensaxe de Galicia como destino seguro sitúa a comunidade como a terceira con maior recuperación da demanda

Galicia segue a mellorar as súas cifras de afluencia turística e no mes de xullo os establecementos hoteleiros galegos recibiron 480.000 viaxeiros, o que supón case 20 puntos menos que a caída de visitantes no conxunto de España respecto a 2019. Así, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), se a baixada de turistas a nivel nacional o mes pasado foi de case o 30%, en Galicia contívose cun descenso 10,7% en comparación co mesmo mes de 2019. Ademais, a comunidade rexistrou un 80% máis de visitantes que en xullo do ano pasado que reforza a tendencia á recuperación do sector.

A melloría da situación tamén se ve reflectida no caso das pernoitas, cun incremento no último ano do 73% ata superar o pasado xullo o millón de noites no conxunto dos aloxamentos regrados, isto é, hoteis, pensións, casas de turismo rural, cámpings e apartamentos turísticos. Deste xeito, pese á baixada do 13,5% sobre as cifras de xullo de 2019, representa 25 puntos menos fronte á caída de case o 40% no número de noites no resto de comunidades nese mesmo período.

As cifras do INE amosan por tanto síntomas de reactivación tras as restricións sanitarias e as limitacións de mobilidade que paralizaron practicamente a actividade durante os meses máis duros da pandemia do coronavirus.

Galicia sitúase ademais como a terceira comunidade con maior recuperación na demanda turística, xa que o descenso do 10,7% en canto ao número de viaxeiros na comunidade fronte as cifras de xullo de 2019, só é menos acusado en Asturias (-3,7%) e Murcia (-10,9%). Cómpre aclarar tamén que o peso dos visitantes que recibe Galicia sobre o total de España é do 5,6%, superando tanto a Asturias como a Murcia, que representan o 2,6% e o 1,4% respectivamente.

Tamén no que se refire ás pernoitas, a comunidade galega ocupa o cuarto posto cunha baixada do 13,5%, por detrás de Asturias, Aragón e Cantabria, se ben estas autonomías supoñen só o 2% das noites da media nacional e Galicia acada o 4%.

A reactivación do sector débese en gran parte ao turismo nacional que concentra case nove de cada dez viaxeiros que visitaron Galicia o mes pasado. Destaca o turismo interno porque a cuarta parte dos visitantes -máis de 116.700- foron galegos que fan turismo dentro da propia comunidade. A continuación sitúase a Comunidade de Madrid, de onde chegaron a Galicia o mes pasado máis de 83.100 viaxeiros, o 17% do total. Andalucía, Castela e León e Cataluña son as seguintes autonomías no ranking.

A Xunta destaca o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19 e a implicación do Goberno galego para contribuír á recuperación do sector a través do reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro con medidas como o seguro coronavirus, unha iniciativa pioneira que permite cubrir os gastos sanitarios e de aloxamento de turistas e peregrinos ante casos de infección por coronavirus.