• Realizaranse tarefas de renovación e ampliación do firme para garantir as condicións de seguridade na vía.
• A intervención inclúese dentro do POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña.
O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada no núcleo de Campelo, en Barizo, cun orzamento de 46.459,47 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña.
Así, as tarefas realizaranse desde a DP-4306 en dirección oeste ata a igrexa parroquial de San Pedro de Barizo, nun treito de 640 metros.
Os traballos comezarán co perfilado e escavación das cunetas da vía. Renovarase o firme e ampliarase o seu ancho, que na actualidade alcanza os 4 metros, co obxectivo de facilitar a circulación de vehículos e peóns pola vía. Finalizarase a intervención co pintado da sinalización horizontal.
O alcalde, Walter Pardo, destacou “o gran número de proxectos de mellora que contempla o goberno local de cara a renovación da rede de infraestruturas públicas”.
Intervencións do POS+ Complementario 2021
Ademais do proxecto de mellora da estrada de Campelo, o Concello de Malpica inclúe no POS+ Complementario 2021 da Deputación outras tres intervencións: o proxecto de mellora e mantemento no camiño da Besugueira (Barizo), por 97.559,78 euros; mellora na capa de rodadura no camiño de Cambre á Pedrosa e no camiño na Raxeira, por 99.122,62 euros; e, finalmente, a renovación do parque infantil na rúa Xaviña (Buño), por 39.996,03 euros.