· A inauguración terá lugar o venres, 27 de agosto, ás 11 horas.
· A exposición, que é unha montaxe de 12 metros feita en plástico reciclado, permanecerá ata o 26 de setembro.
O próximo venres, 27 de agosto, a partir das 11 horas inaugurarase unha nova exposición no Museo Man de Camelle: ‘La inercia de los escombros’, da galardoada artista mallorquina Amparo Sard. A mostra, que permanecerá no museo ata o 26 de setembro, chega a Camariñas da man da liña de axudas artísticas do Instituto de Estudios Baleares.
‘La inercia de los escombros’ é unha instalación de 12 metros realizada en plástico reciclado. O seu propósito é o de tomar conciencia sobre a forma na que evolucionaron as relacións sociais fronte ao devastador ritmo de vida ao que estamos sometidos. A era tecnolóxica axuda a que todo se perciba como se se tratase dunha película de ciencia ficción, que non nos quita o sono nin o apetito aínda que vexamos traxedias de todo tipo como mortes, catástrofes ecolóxicas…
Amparo Sard é doutora e profesora de Belas Artes na Universidade de Barcelona, Master of Art in Media Studies pola New School University de Nueva York. Foi galardoada, entre outros recoñecementos, co Deutsche Bank Internacional, a Medalla de Ouro do Goberno Italiano á súa carreira e seleccionada como unha das mellores artistas do mundo do ano 2018 para a LXRY list de Holanda. A súa obra atópase en coleccións privadas e públicas de renome.