-O curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, da Fundación Galicia Europa, desenvolverase entre o 14 e o 24 de setembro
-Ao longo de cinco xornadas, os participantes poderán coñecer máis acerca das liñas de financiamento europeo existentes en materia de axuda humanitaria e de cooperación ao desenvolvemento en América Latina e África
A Xunta invita a participar no curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa” da Fundación Galicia Europa, que, nesta ocasión, estará destinado ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD).
Os interesados poden inscribirse ao programa de formación que se desenvolverá ao longo de cinco sesións virtuais, repartidas entre o 14 e o 24 de setembro e moderadas pola directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos. Os asistentes poderán abordar, da man de especialistas e de representantes da Comisión Europea, as diferentes accións comunitarias postas en marcha no marco da cooperación ao desenvolvemento e da axuda humanitaria, con especial fincapé na cooperación en Latinoamérica e nos países africanos de fala portuguesa. Así mesmo, poderán coñecer máis acerca das fontes de financiamento específico existentes a nivel europeo en ámbalas dúas zonas xeográficas.
Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de 13 edicións á formación de máis de 440 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.
Pode atopar máis información e acceder á páxina de inscrición deste curso gratuíto a través da seguinte ligazón.