— A maior parte das sesións dirixíronse a veciños de concellos adscritos recentemente ao programa de compostaxe doméstica promovido pola entidade pública ou que decidiron ampliar este servizo a novas vivendas
— Educadores ambientais impartiron tamén charlas en centros escolares co fin de instruír ao alumnado no tratamento sostible dos residuos e na autocompostaxe
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da empresa pública Sogama, impartiu no que vai de ano 50 sesións de formación presencial sobre xestión sostible de residuos urbanos, que contaron coa participación de máis de 1.600 persoas.
Unha boa parte dos cursos dirixíronse aos veciños de concellos que, nos últimos meses, se adscribiron ao programa de compostaxe doméstica promovido pola entidade ou ben decidiron estendelo a novas vivendas. Na meirande parte dos casos, os entes locais solicitaron que técnicos de Sogama explicasen in situ á poboación os obxectivos da autoxestión da materia orgánica, como levala a cabo, a operativa a seguir e os seus beneficios, tanto ambientais como técnicos e sociais.
Estes encontros foron aproveitados para que os participantes, ademais de resolver as súas dúbidas, recollesen os seus composteiros, así como o manual didáctico no que se detallan os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente co fin de poder aplicalo na agricultura ou na xardinería con todas as garantías e sen restricións.
No transcurso destas xornadas falouse tamén da problemática que entraña a elevada xeración de residuos e proporcionouse aos participantes as claves para propiciar a súa prevención, así como a aplicación do principio europeo dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
Así mesmo, os educadores da entidade pública deron charlas en diversos centros escolares para instruír ao alumnado na xestión sostible dos residuos urbanos e os beneficios da autocompostaxe, e detivéronse en explicar o tratamento que reciben nas súas instalacións os refugallos producidos por 295 concellos, é dicir, por máis de 2.240.000 habitantes.
Respecto da bolsa amarela —envases de plástico, latas e briks—, Sogama separa por tipoloxías os materiais integrados nesta fracción para o seu posterior envío aos centros recicladores correspondentes, onde se converten en novos produtos para ser reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e de materias primas virxes.
Os refugallos contidos na denominada bolsa negra —‘e dicir, a do contedor verde xenérico— son sometidos a un proceso de selección automática nunha planta con tecnoloxía 4.0, separando a parte reciclable, que se remite á industria transformadora, e valorizando enerxeticamente a non reciclable para xerar electricidade. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.