Marina Goti e Carlos García, os nosos 2 Duendes que converten en arte calquera parede gris, acaban de volver facelo. En menos de 10 días foron capaces de transformar a confluencia da Avenida Marqués de Figueroa coa estrada de Ortigueira nunha festa de cor representativa dos valores que se pretenden promocionar desde o Concello, como por exemplo os ambientais, os culturais ou os relacionados coa preservación do patrimonio. Son 30 metros de longo presididos pola palabra “San Sadurniño” que a parella de artistas encheu de flores, bolboretas, paxaros, bosques e outros elementos identificables co noso municipio. Empezaron o 11 de agosto e remataron o venres. O éxito colleitado en Facebook polas fotos da obra non deixan lugar a dúbidas: Carlos e Marina deron na diana dos gustos da maioría da veciñanza, quen durante a fin de semana deixou numerosos comentarios loubando o deseño e expresando o seu afecto polos dous artistas sadurniñeses de adopción.
O mural foi unha encarga do Concello co obxectivo de expresar dalgunha maneira algúns dos valores que se pretenden promover desde o consistorio ao redor da natureza e máis o desenvolvemento sostible, seguindo a mesma liña estética e incluso temática que García e Goti xa plasmaron en 2017 na parede das bancadas do campo de fútbol municipal.
O proxecto vén de tempo atrás, desde antes da pandemia, pero non foi ata agora cando a situación e a súa axenda lles permitiu poñerse mans á obra que, coma sempre, foi un visto e non visto. Empezaron o día 11 coa imprimación do muro e deron as últimas pasadas de aerógrafo o venres 20 a media tarde, descansando nese intervalo tan só dous ou tres días.
Para a obra tiveron liberdade absoluta. Había un boceto inicial aprobado polo Concello que, coma todos os deseños de García, sábese que empeza dunha maneira e remata doutra mellorada que respecta sempre a idea inicial. De feito Carlos foi cambiando sobre a marcha o debuxo orixinal feito en papel, algo que non está ao alcance de calquera e menos cando se fai unha obra destas dimensións a ollo, sen marcar antes as escalas.
O de García é intuición. Só con ollar o sitio xa sabe canta pintura vai precisar para vestilo e que traxe lle será o máis acaído. “Non me fai falla marcar a parede e xa sei canto material me vai facer falta, levo pintando 30 anos e hai cousas que saen soas”, explica García dando por normal unha maneira de traballar que outro artista gráfico describía deste modo: “Carlos é un crack, para facer iso hai que nacer con ese don”.
O pintor nedense afincado en San Sadurniño xunto coa súa socia, parella e axudante -ademais de coordinadora fundamental de todos os proxectos- só se queixou dunha dificultade: o sol reflectido no fondo branco. “Cando o sol peta tanto é imposible traballar máis de media hora seguida sen que a vista se che canse, e iso que eu tiña gafas de sol”, comentaba nunha das xornadas de traballo entre trazo e trazo.
Con ritmo seguro, sen pausa e parando no detalle, así se completou un mural que desde esta fin de semana dá a benvida ao centro urbano de San Sadurniño, completando a renovación da marxe esquerda da AC-862 en sentido Ortigueira iniciada polo Concello o ano pasado.
Tan pronto como se publicaron en Facebook as imaxes da obra rematada as reaccións do público virtual non se fixeron esperar: 539 “gústames”, 233 “encántame”, máis dun cento de compartidas e 90 comentarios, todos positivos, dán conta do éxito dun deseño que se mostrou nos muros de case 18.000 persoas usuarias desta rede social.
Tamén o responsable de Desenvolvemento local e Turismo, Manolo Varela, expresou a súa satisfacción co resultado que, segundo dixo, “cumpriu máis que sobradamente as expectativas”. “Dentro da liña artística tan persoal de Carlos e Marina, o mural reflicte perfectamente o que queriamos expresar e, ademais, segundo nos comentaron moitas veciñas e veciños, a obra gustou moito”, asegura o concelleiro. Varela engade que a realización do fresco “chega no momento xusto”, en referencia a que quedou rematado poucos días antes da Feira Rural “coa que coincide tematicamente”.
Debullando cores en Naraío
O remate do mural dos 2 Duendes non é o único exemplo de arte urbana que se fai realidade durante este verán en San Sadurniño. A finais de xuño, con motivo do Día do Orgullo LGTBI, o artista plástico Arturo Domínguez instalou no Outeiro unha montaxe co nome do concello pintado coas cores do Arco da Vella e, máis recentemente, Paula Aneiros dirixiu un obradoiro para a rapazada que servíu para identificar con letras de madeira o acceso ao local social de Lamas.
Esta última iniciativa encádrase na proposta “Debullando cores” da Concellaría de Cultura, que anima ás nenas e nenos a decorar distintos espazos públicos. En 2020 desenvolveuse nos locais veciñais de Santa Mariña e Igrexafeita e neste 2021 tócalles aos de Lamas e a Naraío. Ao longo de toda esta semana a cativería está traballando nas instalacións da Veiga -compartidas pola UDC Narahío e a AVV O Castelo- preparando un resume colorista da actividade que acolle o recinto.