• A competición terá lugar o 27 de agosto e outorgaranse 250 euros en vales de compra e consumo en establecementos do municipio.
• Os negocios que queiran participar no sistema de vales poderán comunicalo a través do 981 707 104 ou en anton.noceda@malpicadebergantinos.es ata o xoves 26 de agosto.
• O evento está organizado polo Concello, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a Deputación da Coruña.
O Concello de Malpica celebrará este ano a XX edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area na Praia de Area Maior. O xa tradicional evento terá lugar durante a mañá do venres 27 de agosto.
As inscricións poden realizarse no departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico de Malpica en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o 26 de agosto. A maiores, as persoas interesadas en participar poderán sumarse desde as 10:00 ás 10:30 horas do 27 de agosto na propia Praia de Area Maior.
Na competición deste ano existen tres modalidades: infantil, ata os 10 anos; amateur, de 10 anos en diante; e barcanas, cuxo requisito é que a escultura sexa unha barcana tradicional.
Outorgaranse un total de cinco premios. A modalidade amateur inclúe un primeiro posto, cun trofeo e un vale para compra e consumo en establecementos do municipio de 130 euros. Haberá tamén un segundo, con trofeo e un vale de 70 euros, e un terceiro, con trofeo e un vale de 50 euros. Ademais, entregarase un galardón á mellor barcana e á mellor escultura infantil.
O evento está organizado polo Concello de Malpica, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a Deputación da Coruña.
Adhesión ós vales de comercio
Os establecementos interesados en formar parte da campaña de premios do concurso poderán formalizar a súa adhesión ata o xoves 26 de agosto. Para anotarse deberán chamar ao 981 707 104 en horario de 9:30 a 13:00 horas ou enviar un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es.