Friday 22 de November de 2024

O Conselleiro de Cultura e Educación sinala na celebración do Día Internacional da Lingua Materna que “cada galego e cada galega pode poñer a súa pedra no monumento do futuro da lingua”


A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Ribeira, membro da Rede de Dinamización Lingüística, organizaron na localidade barbancesa un acto institucional para conmemorar a xornada, nun marco no que máis de corenta familias participaron na actividade ‘Cantacontos Xente Miúda, Moita Fartura’, a cargo do músico Pablo Díaz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou en Ribeira no acto conmemorativo do Día Internacional da Lingua Materna 2015, que organizou a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co concello barbancés, e no que tamén estivo o rexedor municipal, Manuel Ruíz Rivas. A Xunta de Galicia celebra por quinto ano consecutivo esta efeméride impulsada pola UNESCO para promover os idiomas de menos falantes e, con eles, a diversidade lingüística da humanidade. Como vén sendo habitual, fíxoo en colaboración con un dos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), desta vez en Ribeira, nun acto institucional que contou coa actividade de dinamización da lingua galega para familias, ‘Cantacontos Xente Miúda, Moita Fartura’, a cargo do músico Pablo Díaz, e na que participaron máis de 40 familias con bebés.

Román Rodríguez animou as familias presentes a empregaren o galego na comunicación cos seus fillos, lembrando que “cada galego e cada galega pode poñer a súa pedra no monumento do futuro da lingua, e no seu uso. Porque non se necesita outra cousa ca falalo para asegurar o presente e o mañá dun idioma”.

No acto, o conselleiro e o alcalde estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, e mais pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, María Carmen Vizcaya, respectivamente.

No 15º aniversario
Hoxe fixéronse 15 anos da primeira celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que a UNESCO instituíu en 1999 e comezou a celebrar en 2000. A Xunta de Galicia vén sumándose a esta conmemoración desde o 2010 e a Rede de Dinamización Lingüística incorporouse a ela dous anos despois, tras a súa creación.
O obxectivo do Día Internacional da Lingua Galega é promover o pluralismo lingüístico e a diversidade cultural. A UNESCO entende que os idiomas, no seu complexo entrelazamento coa identidade, coa comunicación, coa integración social, coa educación e co desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. A conservación e a promoción das linguas locais supón o mantemento de posibilidades, de tradicións, de recordos, de modalidades únicas de pensamento e de expresión, recursos valiosos necesarios para lograr un futuro mellor para toda a humanidade.
No web www.linguagalega.gal pódense atopar información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna.
Os idiomas contan
Cada ano, a UNESCO elixe un lema ao redor do que facer xirar a celebración da Lingua Materna. O da presente edición é “A educación inclusiva por medio do idioma e con el: os idiomas contan”. Na declaración institucional do mesmo título da directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna lémbrasenos que A UNESCO propón unha educación plurilingüe que contemple a formación en polo menos tres idiomas entre os que debe estar a lingua vernácula de cada territorio.