Saturday 16 de November de 2024

A lonxa de Malpica acolle a presentación do conto ‘Xela, a redeira’ para poñer en valor este oficio do mar


• Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo e o resto de concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, así como a Conselleira do Mar, Rosa Quintana.

A lonxa de Malpica acolleu esta mañá, ás 11:00 horas, a presentación do conto ‘Xela, a redeira’, que pon en valor este oficio mariñeiro.

Ao acto acudiron o alclade, Walter Pardo; o concelleiro de Servizos Sociais, Sergio García; o concelleiro de Obras, Ángel Garrido; a concelleira de Medio Ambiente, María Álvarez; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela e a concelleira de Igualdade, Leticia Varela. Tamén estivo presente a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén acudiu o Patrón Maior da Confraría.

Este é un relato dentro dunha iniciativa que trata de poñer en valor o traballo manufactureiro de tantas mulleres da costa galega, e que comezou a elaborarse en 2004 cando estas mulleres, en forma de Federación, se uniron para esixir equidade no sector.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, recalcou que “as redeiras forman parte da nosa identidade, así como de toda a comunidade galega, e desde as administracións temos que conxuntarnos para poñelas no mapa como se merecen, coas condicións de traballo axeitadas e recoñecéndolle, en maior medida, unha labor que é centenaria”.

Na presentación, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás, Verónica Veres, quixo destacar o apoio “tanto do Concello de Malpica como da Xunta de Galicia para poder seguir adiante co noso propósito”, xesto ao que tamén se sumou a autora do conto, Alexandra Touzo.

Pola súa banda, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou que “este conto é un canto de amor polo mar, porque Galicia sabe a mar. É bravura, orgullo e está repleto de leccións que nos deixaron as nosas maiores e que recollerán mulleres valentes, fortes e perseverantes”.