Saturday 16 de November de 2024

A baía coruñesa acollerá os días 28 e 29 o 35 trofeo Teresa Herrera masculino e o quinto feminino de traiñeiras


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou na presentación do evento a intención do Goberno de Inés Rey de involucrar a cidadanía na práctica das especialidades náuticas

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez,presentou a trixésimo quinta edición do trofeo Teresa Herrera de traiñeiras na categoría masculina e a quinta na feminina, que se disputarán os días 28 e 29 na baía coruñesa. Acompañada polo presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, a edila recordou que na Coruña hai unha gran tradición nesta especialidade, “un deporte que cada vez cobra máis atención pola espectacularidade das imaxes obtidas, sobre todo, desde o aire”. Martínez sinalou que o trofeo inclúe a décimo terceira bandeira de traiñeiras masculina e a segunda bandeira feminina: “Un evento máis co noso mar como protagonista, unha cuestión fundamental para o Goberno de Inés Rey, que quere involucrar a cidadanía na práctica dos deportes náuticos”.

Esta cita, que lle porá fin á liga galega de traiñeiras, reunirá un total de 23 tripulacións masculinas e 8 femininas. A competición comezará o sábado 28 pola tarde coa regata do ‘play-off’, unha contrarreloxo na que participarán todos os barcos, divididos nas súas propias categorías, e que decidirá as/os participantes na regata clásica de 3 millas con 4 largos e 3 ciabogas sobre babor, que terá lugar na
mañá do domingo 29.

Pola súa parte, Seijas destacou o interese que esperta este evento por parte de todos os clubs pola contorna e o marco en que se desenvolve, mais tamén porque se trata do primeiro porto pesqueiro de Galicia, “e as traiñeiras nacen da pesca do xeito, dun traballo enraizado na cidade”. Canto á participación, están inscritos todos os clubs galegos máis o asturiano de Castropol e recordou que o domingo haberá unha homenaxe á xente do mar coa interpretación da salve mariñeira, durante a que as/os deportistas izarán os seus remos.