A Aula CeMIT de San Sadurniño organizará en setembro un novo curso a través de Zoom para obter a Chave360 da Xunta -coa que se poden facer moitas xestións desde a casa- e para utilizar a aplicación SERGAS Móbil, desde onde tamén se pode descargar o certificado de vacinación da COVID-19. No curso tamén se verá como funcionan os códigos QR e para que serven. Esta actividade desenvolverase todos os mércores entre o 8 e o 29 de setembro e reforzarase con sesións presenciais nas distintas parroquias para axudarlle á veciñanza a facer todos estes trámites. Para participar na sesión virtual e para reservar cita presencial en cada parroquia hai que chamar ou enviar un whatsapp ao 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
A organización dun segundo curso centrado nestas materias obedece ao éxito de participación que está tendo o que se desenvolve neste momento e que finalizará o próximo 1 de setembro. “Anotouse moita xente, ademais do grupo habitual que participa nas actividades que facemos na aula”, comenta Carmen Suárez.
A responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño -que comparte tarefas de alfabetización dixital con Moeche- engade que “pouco a pouco” vai medrando o número de persoas que se acoden ao servizo para asistiren a cursos ou consultar dúbidas. “Non poder saír da casa durante a pandemia fixo que moitas veciñas e veciños, sobre todo os de máis idade, se decatasen da utilidade dos móbiles, das tabletas e dos ordenadores para estar máis preto da familia e para facer todo tipo de xestións. Segue habendo certa reticencia a entrar no mundo tecnolóxico, pero cando se deciden a dár o paso e ven que a cousa é máis sinxela do que parece, xa non se desconectan. Ademais na aula non só damos contido, senón que tamén mostramos a súa aplicación práctica incidindo moito na seguridade e na protección da privacidade. Tamén nos preocupamos moito de fomentar a relación social entre as persoas participantes, que é algo que a xente valora moitísimo”.
O curso que comezará en setembro desenvolverase por videoconferencia abordará catro temas principais: como acceder ao certificado de vacinación contra a COVID-19, que é a Chave365 -para que se usa e como se activa- e cal é o procedemento de descarga e instalación da app Sergas Móbil, así como a información que contén e as xestións que se poden facer con ela. A maiores tamén se mostrará que son os códigos QR e como podemos lelos co móbil.
Esta acción formativa -para a que fai falla ter ordenador, táblet ou móbil e acceso a Zoom- impartirase todos os mércores de 10:00 a 11:30h desde o 8 até o 29 de setembro.
Tamén se programaron sesións presenciais de apoio nos locais sociais das parroquias, que se desenvolverán con cita previa e de maneira individual entre as 10 e as 13.00h nas seguintes datas e lugares:
6, 7, 14, 21 e 28 de setembro – Aula CeMIT de San Sadurniño
10 de setembro – Local social de Santa Mariña do Monte
13 de setembro – Local social de Lamas
17 de setembro – Local social de Bardaos
20 de setembro – Local social de Naraío
24 de setembro – Local social de Igrexafeita
27 de setembro – Local social da Seara (Ferreira)
As reservas para o curso por videoconferencia e as solicitudes de cita previa para a atención presencial nos locais hai que facelas no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.