Saturday 16 de November de 2024

A Xunta colabora con Faramundi na atención das necesidades máis urxentes na poboación afectada polo terremoto de Haití


― A intervención inclúe a distribución a 478 familias de kits de alimentos, produtos de hixiene e medicamentos esenciais, xunto co asesoramento sobre medidas de prevención ante a covid-19 ou desastres naturais e atención psicolóxica

― A Xunta colabora coa ONGD desde 2009 cun investimento de case 700.000 euros en actuacións de carácter humanitario

A Xunta vén de activar o convenio coa ONGD Farmamundi para levar a cabo unha intervención sociosanitaria de emerxencia para atender á poboación afectada polo terremoto no departamento Nippes, Sur e Grand´Anse de Haití. En concreto, nas comunas Jérémie, Lles Cayes e Veaux do sur e oeste do país, nas que máis se fixo notar o sismo do pasado 14 de agosto.

A actuación contribuirá á atención integral da poboación a través do asesoramento para o seu autocoidado ante a covid-19 e a xestión comunitaria de desastres naturais coma este terremoto que supoñen unha barreira para acadar a barreira da erradicación da pobreza extrema en 2030 ao incrementar a vulnerabilidade e a inseguridade alimentaria, agravada ademais pola pandemia do coronavirus. De feito, esta rexión xa foi alcanzada en 2016 polo furacán Mathew, ao que se suman longos períodos de seca.

Esta intervención levarase a cabo entre Farmamundi e o seu socio local na rexión Movemento Sociocultural para os Traballadores Haitianos (Mosctha), que veñen colaborando desde 2003 na mellora da situación sociosanitaria da poboación máis vulnerable mediante a ampliación dos servizos sanitarios.
A achega que Farmamundi distribuirá en Haití coa axuda do seu socio local executarase ao abeiro do último convenio, asinado este ano por 50.000 euros, e terá un custe de 21.400 euros. O obxectivo é acadar 478 familias -máis de 2.390 persoas, entre elas 1.275 mulleres e nenas- e priorizarase ás mulleres vulnerables, nais lactantes, menos e nenas menores de 6 anos e persoas con discapacidade.
Este convenio permitirá cubrir as principais necesidades nesta zona como a provisión de alimentos non perecedoiros, auga ou medicamentos esenciais e kits de hixiene. Ao mesmo tempo, as actuacións previstas neste acordo axudarán a sensibilizar, informar e educar á poboación sobre hixiene ou como actuar ante a covid-19 ou desastres naturais.

Entre as actividades previstas inclúense a preparación e distribución de 478 kits con produtos de hixiene, alimentos e auga potable, xunto con 20 xornadas de operativos médicos con entrega de medicamentos esenciais. A intervención complétase con charlas educativas sobre prevención de riscos, autocoidado e medidas de prevención ante a covid-19, ademais de ofrecer a prestación de atención psicolóxica. As xornadas de atención médica realizaranse na unidade móbil de Mosctha para apoiar aos servizos de saúde da zona que se atopan colapsados debido a que varios hospitais foron danados ou destruídos polo sismo.

Farmamundi é unha organización de cooperación ao desenvolvemento, acción humanitaria e emerxencia especializada no subministro e axuda farmacéutica a organizacións humanitarias e países en desenvolvemento coa que Galicia colabora desde o ano 2009, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e, agora, a través da Vicepresidencia Primeira.

Os 12 convenios asinados desde 2009 permitiron destinar desde Galicia case 700.000 euros ás intervencións humanitarias de carácter internacional que desenvolve Farmamundi.
O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).