Na xornada do 19 de agosto, a Torre de Xunqueiras dará cabida, a partir das 11.00 horas, a un taller de cociña baixa en hidratos que será impartido por Eva Núñez Abeledo, experta en reducir hidratos na cociña tradicional. A actividade consiste nun pequeno taller práctico de pan, un entrante, dous pratos e sobremesa con pratos baixos en hidratos que resultan moi útiles para a xente con diabetes.
Organizado pola Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia), coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal -que presta a cociña portátil municipal- e por Chicolino Eventos -que cede o espazo-, a dita acción formativa é de balde e as inscricións realizaranse a través do enderezo electrónico anediagalicia@gmail.com ou do teléfono de contacto 644971454.