Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche subscribe o convenio de colaboración cun Festival Irmandiño adaptado á actual situación sanitaria


A partir das 20:30h actuarán Dequenvessendo e a Banda Crebinsky, nunha cita sen asalto nocturno nin actividades paralelas, aínda que si se mantén o espectáculo pirotécnico

Moeche celebrará este sábado 21 unha nova edición -e xa van 42- do Festival Irmandiño, que por segundo ano adopta un formato axustado á actual situación. A diferenza da cita virtual de 2020, nesta vólvese aos concertos presenciais pero con aforo limitado a 150 asistentes que xa está completo, cambio de emprazamento -será no adro da igrexa de San Xurxo-, entradas a 7€ e cun programa musical de dous grupos, co obxectivo de cumprir coas restricións horarias en vigor. Así, o sábado a festa comezará ás 20:30h con Dequenvessendo e rematará coa Banda Crebinsky, quen actuarán perante público sentado e en grupos de non máis de dez persoas. O Concello colabora coa cita por medio dun convenio económico de 3.000 euros e a solicitude de grupos á Rede Cultural da Deputación da Coruña, ademais de ofrecerlle á AC Irmandiños de Moeche apoio loxístico para que o evento sexa, coma sempre, todo un éxito.

A situación sanitaria obrigou á Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, organizadora do festival, a programar un festival de pequeno formato e cun aforo limitado a 150 asistentes. Os concertos serán co público sentado e con uso obrigatorio da mascarilla. Os grupos -máximo 10 persoas- terán mesa asignada, incluído servizo de bar e de bocadillos quentes sen ter que erguerse da cadeira.

A organización publicou hai varios días o cartel indicando a obriga de anotarse previamente por whatsapp no 678 324 602. Ao pouco de lanzar a información xa se esgotaran as 150 entradas dispoñibles por un prezo de 7€ e posibilidade de mercar billetes de colaboración por 10€.

Aínda que o cupo estea cuberto, a entidade segue collendo reservas en lista de agarda e, por este motivo, prégalles ás persoas con entrada que finalmente non poidan asistir por calquera motivo que o comuniquen para cederlle o sitio a quen estea esperando por localidade.

Tal e como informou a AC Irmandiños de Moeche a través das súas redes sociais, o XLII Festival Irmandiño terá lugar ao aire libre no adro da igrexa de San Xurxo (ao pé do castelo) e non haberá carpa. Se chovese, algo difícil de predicir ata o mesmo día, a cita suspenderíase e buscaríase nova data.

Os grupos convidados este ano son Dequenvessendo, que presentará o seu último traballo titulado “O canto das Xacias”, e a Banda Crebinsky. Ambas encherán o serán e parte da noite con cadanseu estilo, no primeiro caso folk enraizado na música tradicional galega e, no segundo, ritmos eclécticos e “sen pasaporte” abranguen desde Fisterra até os Balcáns abeirando todo o Mediterráneo.

Na presente edición non haberá as actividades paralelas doutros anos, como as probas de deporte rural ou o asalto infantil ao castelo, que se poderá visitar de balde durante a tarde. Por razóns preventivas tampouco haberá asalto nocturno, aínda que si está prevista como remate da noite a tradicional e espectacular sesión de pirotecnia.

Colaboración municipal
O Concello de Moeche colabora co XLII Festival Irmandiño cunha achega económica de 3.000 euros, ademais de tramitar e co-financiar a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña a contratación das dúas actuacións musicais. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a presidenta da AC Irmandiños, Carla Couce Rego, asinaron onte o correspondente convenio de colaboración entre as dúas entidades.

Ademais desta axuda, o consistorio tamén facilita valados e colectores para o lixo, así como o corte do tramo de estrada municipal que pasa polo lugar de celebración do evento. A pista permanecerá cortada desde as 20:00h do sábado até a 01:00h do domingo 22.