A empresa adxudicataria está a traballar nas obras da zona de convivencia no Paseo de Pedrouzos, cuxo orzamento ascende a 48.317,49 €. Esta actuación consiste na instalación dunha plataforma elevada no acceso ao CEIP de Pedrouzos e IES de Brión. O obxectivo é que os vehículos teñan que reducir a velocidade e compartir o espazo cos peóns que por ela transiten. A nova zona de convivencia executarase con 20 centímetros de pavimento a cores de formigón sobre 10 centímetros de zahorra para nivelar a superficie.
Ademais de colocar nova sinalización horizontal e vertical, o Concello de Brion inclúe neste proxecto a plantación dez árbores da variedade Ginkgo biloba, cos seus correspondentes alcorques, e por a cota as tapas de pozos, arquetas e sumidoiros.
Dita obra complementa outras actuacións de mellora da seguridade do viario realizadas este ano polo Concello de Brión, entre as que figuran o remate das beirarrúas da marxe esquerda, a instalación de redutores de velocidade e o cambio do espazo de aparcamento, que pasou de ser en liña a ser en batería, facilitando o seu uso por un maior número de persoas.
Esta iniciativa atópase dentro do “Proxecto de camiño de Amañecida ata Graña e outros” que o Concello de Brión licitou por un importe de 950.726,78 euros e que incluía oncea actuacións: de mellora do firme actual en sete camiños de titularidade municipal, no interior de tres urbanizacións, así como a mellora do viario de acceso ao CEIP de Pedrouzos e ao IES de Brión.