— O Goberno galego destina 30.000 euros a este acordo, que se encadra no compromiso adquirido na Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega para afrontar a emerxencia sanitaria
A Xunta asinou un convenio con Asociación Solidaridad para el Desarrollo y la Paz coa finalidade de adquirir 360.000 xiringas coas que vacinar contra a covid á poboación cubana, un proxecto ao que a Administración galega destina 30.000 euros.
A finalidade desta intervención, que se encadra na Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega para afrontar a emerxencia sanitaria, é subministrar o material necesario para a vacinación xeneralizada da poboación cubana con vacinas desenvolvidas en Cuba polo Instituto Finlay e o Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía.
Sodepaz é unha organización de ámbito estatal, laica e independente que leva máis de 30 anos traballando por e para o desenvolvemento das poboacións do Sur. A maioría dos seus proxectos están centrados na cooperación para o desenvolvemento internacional, o comercio xusto e viaxes de turismo responsable.
Sodepaz, que conta con delegación en Galicia desde o ano 1994, leva traballando 30 anos en Cuba, de aí que fora unha das entidades que atendera a petición que fixo a Administración cubana de cara a poder adquirir xiringas e agullas dun só uso para a vacinación xeneralizada da poboación cubana.
O convenio entre a Xunta e Sodepaz enmárcase no Plan Anual 2021 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros para este ano, 801.400 euros máis que en 2020. Con este aumento do 12% no orzamento, a Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.
O Goberno galego mantén así o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia. Por iso, o Plan deste ano desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega, que foi elaborada en colaboración cos axentes galegos de cooperación, co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da Cooperación Galega se orientasen á loita contra o coronavirus e a dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables.