Segundo os últimos datos de FRONTUR publicados hoxe, Galicia rexistrou preto de 65.000 turistas estranxeiros no mes de xaneiro
Segundo os últimos datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR), publicados hoxe, Galicia recibiu no pasado mes de xaneiro preto de 65.000 turistas estranxeiros -64.958-, o que supón un incremento do 3,3% en relación ao mesmo mes do ano 2014.
Segundo os datos publicados por FRONTUR, Portugal, co 57% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional neste primeiro mes do ano, seguido por orde de importancia por Francia, co 8%, e Suíza, co 7% do total neste caso.
En termos dinámicos, compre destacar o incremento dos turistas que chegaron a nosa comunidade procedentes de Portugal no pasado mes de xaneiro que foi dun 29%.
A nivel estatal o crecemento rexistrado na cifra de turistas estranxeiros foi de 3,6%, acadando un total de 3.169.832 turistas estranxeiros no pasado mes de xaneiro.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 271.275 excursionistas estranxeiros ao longo do pasado mes. Portugal foi o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo no pasado mes o 94% das entradas dun só día na nosa comunidade.
Promoción para o impulso do turismo internacional
Compre destacar a gran labor que Turismo de Galicia desenvolve na promoción e difusión da comunidade galega como destino turístico a nivel internacional.
Nos últimos meses son moitas as actividades que dende a Xunta de Galicia leváronse a cabo a prol da captación de turismo internacional e a mellora do posicionamento do destino e a marca Galicia noutros países, cun incremento e aposta firme pola promoción turística de Galicia a nivel internacional.
Neste senso, Turismo de Galicia está traballando na consolidación de alianzas con entidades internacionais acreditadas no desenvolvemento de destinos turísticos, participando de xeito proactivo en conferencias e foros internacionais para a promoción do turismo como medio para o fomento da colaboración transnacional, colaborando coas Oficinas Españolas de Turismo no exterior para a adaptación das campañas de promoción ás necesidades dos mercados emisores prioritarios e aproveitando sinerxías con entidades autonómicas e nacionais que realicen misións comerciais no estranxeiro.
Así mesmo, seguindo esta liña de impulso á promoción internacional, Turismo de Galicia ampliou para este ano 2015 o calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de xeito que ao longo deste ano participará nun total de 31 certames sectoriais.
Deste xeito, Galicia promoverase como destino turístico nos 20 principais certames internacionais e os 11 nacionais, o que sen dúbida posibilitará a difusión mundial dos grandes atributos turísticos da nosa comunidade.