Thursday 21 de November de 2024

Ofrenda floral na Pobra polo Día da Galiza Mártir


O Concello da Pobra do Caramiñal sumouse aos actos que tiveron lugar no territorio galego na xornada deste 17 de agosto con motivo do Día da Galiza Mártir. Así, membros do goberno municipal procederon cunha ofrenda floral na rúa de Alexandre Bóveda, situada nas inmediacións da casa consistorial.

O concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), fixo fincapé na relevancia desta data na que, segundo apuntou, se homenaxean as persoas represaliadas polo franquismo. Focalizándose na figura de Alexandre Bóveda, o edil describiuno como “o motor dese primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia que nunca se chegou levar adiante, que nunca se chegou a desenvolver debido ao golpe de Estado de 1936” e lembrou que “foi capturado aos poucos días do alzamento militar, sentenciado sen unha defensa xusta e fusilado no monte da Caeira, en Poio.” Neste senso, indicou que a concellaría da cal é titular aportará o seu gran de area para conseguir que no 17 de agosto se estableza un acto conmemorativo a nivel de todo Galicia.