O Concello ampliará a capacidade até as 150 localidades se o tempo acompaña e non é necesario instalar carpa
Xa só quedan por celebrarse dous dos encontros do programa cultural “Á xunta da noite”, o do venres 27 de agosto en San Sadurniño e o deste, día 20, en Ferreira. Para o da semana que vén aínda hai prazas dispoñibles, pero para o de dentro duns días o aforo xa está cuberto desde hai tempo. Con todo, a Concellaría de Cultura segue anotando reservas, xa que semella que vai vir bo tempo e non será necesario poñer carpa. Desta maneira o número de localidades ampliaríase até as 150. Así, quen queira asistir debe chamar ao 616 332 919 en horario de mañá ou mandar unha mensaxe ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O xoves ou o propio venres ao mediodía, dependendo das condicións atmosféricas, confirmaremos se se lles dá cabida a esas 50 persoas a maiores ou se, pola contra, o cupo queda coas 100 reservas iniciais. Como actuacións convidadas están as Cantareiras do Saíme, o Mago Dani García e os grupos de nenas e mozas da Asociación Cultural Brío, quen exhibirán as coreografías nas que levan varias semanas traballando.
Este “Á xunta da noite” desenvolverase no aparcadoiro do local social da Seara, en Ferreira de abaixo, a partir das 20:00h. Na explanada é posible colocar unha chea de cadeiras nas que acomodar ao aire libre e con separación suficiente un bo número de asistentes sen superar en ningún caso esa cifra de 150 marcada como tope polo Concello por razóns organizativas.
O cento de reservas iniciais esgotouse tan só uns días despois de publicar o evento e por iso o Concello optou por ampliar o cupo sempre e cando o tempo acompañe e non faga falla usar carpa pola ameaza de chuvia.
As razóns do éxito son varias: que en Ferreira sempre responde a este tipo de convocatorias -vímolo na reinauguración do palco da música-, que o programa combina música, maxia e danza e, en relación con isto último, que a Asociación Cultural Brío ofrecerá unha mostra das coreografías nas que leva semanas traballando.
De feito, a primeiros de agosto as nenas e mozas da asociación xa deixaban entrever nun post en Facebook a súa ansia por mostrarnos o resultado, froito do seu esforzo no último mes e medio baixo a dirección da bailarina e coreógrafa Melissa López.
A entidade é unha das que máis e mellor está funcionando en San Sadurniño a pesar da situación, mesmo diversificando a súas actividades para a mocidade e a infancia sen perder de vista as esixencias preventivas. Desde que volveu cos ensaios de Hip-Hop a empezos de xullo, o colectivo organizou en paralelo varios obradoiros -xabóns, collage, ilustración, scrapbooking…- e ten previsto continuar ampliando a súa oferta no futuro, promovendo a creatividade a igualdade.
O venres actuarán os dous grupos da asociación, nun cartel que se completará ao longo do serán co Mago Dani García e coas Cantareiras do Saíme, pertencentes á escola municipal de pandeireta. Lembrade, a cita é ás 20:00h e para asistir hai que reservar localidade no 616 332 919 en horario de mañá ou mandar unha mensaxe ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal.