Saturday 16 de November de 2024

A Xunta asina un convenio co Fondo Galego de Cooperación e solidariedade para a reconstrucción de vivendas en Mozambique


— O obxectivo é recuperar as construcións afectadas por ciclóns no municipio de Boane e formar ao persoal técnico ante futuras crises provocadas polo cambio climático

A Xunta asinou un convenio co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a reconstrución de vivendas en Mozambique. O obxectivo é recuperar as construcións afectadas por ciclóns no municipio de Boane e formar ao persoal técnico ante futuras crises provocadas polo cambio climático.

Coa firma do acordo “Construción de vivendas resilientes fronte ao cambio climático en Mozambique”, a Xunta retoma a colaboración co Fondo Galego para a posta en marcha de proxectos de cooperación para o desenvolvemento en países socios, primando os lusófonos e o apoio ás autoridades municipais, neste caso cunha achega de 20.986 euros por parte de cada unha das entidades.

Trátase do segundo convenio que se asina este ano co Fondo Galego, e que complementa o que anualmente se rubrica con dita entidade para sensibilizar, asesorar e apoiar ás entidades pertencentes ao Fondo e dar a coñecer o traballo que se desenvolve no ámbito da cooperación municipalista e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade plural que agrupa a cen concellos e ás deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, comprometidos coa cooperación con terceiros países e coa Axenda 2030 das Entidades Locais, nun marco máis estable e permanente.

A Xunta colabora co Fondo Galego desde o ano 2000, cun importe total de máis de 882.000 euros en axudas desde o ano 2004.

O IV Plan Director de cooperación galega 2018-2021, aprobado polo Parlamento de Galicia o 22 de xuño de 2018, recoñece o papel do Fondo Galego para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa capacidade de coordinación. A Xunta de Galicia asina cada ano un convenio de colaboración con esta entidade, á que recoñece un papel primordial como instrumento que vertebra a cooperación municipal; neste caso, na cooperación no exterior.