Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades inviste 40.000 euros na mellora da estrada de Campo a Loureiros (Vitre)


Investirá outros 48.000 euros na mellora dos accesos á Cooperativa Central de Frades, ao camposanto de Añá, a Reirís (Frades) e no camiño do Campo á Pista (Vitre)

O Concello de Frades vén de investir máis de 39.982,08 euros na mellora da estrada entre as localidades de Campo e Loureiros, na parroquia de Vitre. Unha actuación financiada grazas ao Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, PEIM, da dirección xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.

As obras consistiron na reparación de fochancas e asfaltado en quente de toda a plataforma, así como no pintado e colocación da correspondente sinalización horizontal e vertical. Unha intervención que o Concello de Frades complementará nas próximas semanas, nas que investirá outros 10.000 euros na mellora do viario da localidade de Campo á Pista, tamén na parroquia de Vitre.

Neste caso, o Concello de Frades procederá ao asfaltado de catro tramos de estrada, que suman unha distancia de 655 metros, cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochanchas e instalación dun sinal de Stop. Unhas obras incluídas no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2021-2022.

Outras actuacións

En total, este plan de mellora recolle actuacións en catro pistas do municipio e foi adxudicado á empresa Cosmalca SL por 48.008 euros. Canda a mencionada mellora do viario de Campo á Pista (Vitre), o Concello de Frades mellorará o camiño de acceso a Reirís (Frades), a pista de acceso ao camposanto de Añá e os accesos á Cooperativa Láctea de Ledoira.

No caso dos accesos á Cooperativa Central de Frades, o Concello mellorará a seguridade dos vehículos que circulan pola zona ao executar 34 metros de cuneta triangular de formigón para a recollida das augas pluviais e a colocación de 36 metros de barreira de seguridade. O camiño, de 875 metros, será mellorado coa reparación de fochancas e un tratamento asfáltico semiprofundo.

No caso da pista a Reirís, asfaltaranse tres treitos de camiño, que suman 390 metros e que están actualmente en zahorra, o que supón un firme insuficiente para o tráfico de vehículos de gran tonelaxe que circulan por el xa que, ademais de dar acceso a parcelas agrícolas, tamén dá acceso a importantes instalacións gandeiras do municipio. Por iso, o Concello asfaltará o camiño e ancheará a estrada uns 150 metros cadrados. Finalmente, repararanse as fochanchas e reporase o firme asfaltado dos 725 metros da pista de acceso ao camposanto de Añá.