A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, reuniuse o xoves pasado en Santiago co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Xosé Balseiros, para avanzar na declaración do territorio modestino como zona de montaña a efectos das axudas da PAC 2023-2027. No encontro entregóuselle a Medio Rural un documento inicial preparado polo Concello para soster a petición no que se sinala que Moeche cumpre polo menos un dos tres requisitos esixidos pola normativa europea para cambiar de tramo na concesión de axudas á gandaría e a agricultura. O responsable autonómico desta área confirmou o apoio de Medio Rural á iniciativa municipal en caso de verificarse o cumprimento das condicións, que serán obxecto dun informe máis amplo que o Concello encargará á Universidade de Santiago.
Moeche impulsou a conversión do territorio a “zona de montaña” co obxectivo de que as explotacións do municipio puidesen beneficiarse de maiores achegas europeas dentro do próximo período de aplicación da PAC e, ao mesmo tempo, para que non se producise un agravio comparativo con respecto aos concellos darredor, onde xa gozaron desa posibilidade en anteriores períodos.
A declaración é competencia do Estado por solicitude das Comunidades Autónomas e, neste sentido, o Concello de Moeche pediu antes do verán unha reunión con responsables do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) adiantándolles un pequeno documento redactado polo doutor en Xeoloxía Francisco Canosa no que se indicaba que o territorio cumpría coa esixencia básica de ter zonas cunha pendente superior ao 20% (unha das tres posibles condicións para acceder á cualificación), ademais de axustarse a outras condicións obrigatorias relacionadas co clima e as características do chan.
No encontro mantido o xoves entre Beatriz Bascoy e Xosé Balseiros repasáronse os puntos contidos no documento preliminar presentado polo Concello e, por parte da Consellaría do Medio Rural, confirmouse o compromiso de apoiar a petición ante o Ministerio analizando antes algúns aspectos técnicos que a argumenten con máis detalle.
“Co informe que lles enviamos, a Xunta ve posible cursar a solicitude ao Ministerio e anunciounos que apoiará a nosa petición despois de verificar o cumprimento dos requisitos”, comenta a alcaldesa. Bascoy sinala que “fai falla que todo vaia perfectamente argumentado tecnicamente e axustado aos parámetros que avaliarán en Madrid”. Por esta razón, o Concello contactará coa Universidade de Santiago “para ver a posibilidade de encargarlle un informe máis polo miúdo que se axeite á análise que fixemos na reunión. A dirección xeral quedou en enviarnos en setembro as liñas mestras para elaborar ese documento”.
A alcaldesa destaca como “de vital importancia” obter a cualificación, que suporía ata 250€ máis de axuda por hectárea e ata 2.500 euros por explotación. “Son contías importantes para que o noso sector primario poida competir nas mesmas condicións que outras zonas de Galicia e do Estado e, sen ir máis lonxe, para estar na mesma situación que explotacións de Cerdido, San Sadurniño ou As Somozas, que xa hai anos que son zona de montaña. Agardamos que o proceso que iniciamos hai meses vaia o máis rápido posible e que finalmente o Ministerio aprobe a nosa solicitude”.
Apoio na difusión d’A Fusquenlla
En relación co apoio ao desenvolvemento rural, a xuntanza do xoves en Santiago tamén serviu para constatar o apoio da Xunta ao centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Tal e como anunciara Balseiros en maio, Medio Rural achegará máis de 9.000 euros para levar a cabo unha campaña nos catro concellos promotores -Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño- co obxectivo de presentar e dárlle difusión aos servizos que se ofrecerán nas instalacións.
Ademais a Xunta tamén brindou a súa colaboración -a través da Oficina Agraria Comarcal- para que o centro se converta en referente formativo no ámbito da produción de conservas e do envasado de mel e outros produtos da terra. A primeira das accións comezará en setembro con 80 persoas preinscritas.
Envíase fotografía da reunión do pasado xoves (Foto: Consellaría do Medio Rural)
Recordatorios de citas para os próximos días
XLII Festival Irmandiño
Sábado 21, 20.30h
Ao pé do castelo
A situación sanitaria obrigou á AC Irmandiños de Moeche, organizadora do festival, a programar un evento de pequeno formato e con aforos limitados. O sábado a partir das 20.30 actuarán no escenario situado nas inmediacións do castelo os grupos Dequenvessendo e Banda Crebinsky.
O formato do concerto será co público sentado e con uso obrigatorio da mascarilla. Os grupos -máximo 10- terán mesa asignada, incluído servizo de bar sen ter que erguerse da cadeira.
Para poder asistir como público será necesario anotarse previamente por whatsapp no 678 324 602, inidicando o nome e apelidos, o DNI e os teléfonos de contacto.
As entradas teñen un prezo de 7€ e hai posibilidade de mercar tiquets de colaboración por 10€.
Xeorrutas o xoves e máis o sábado
Recordamos que durante esta semana temos oferta dobre de xeorrutas para descubrir o pasado da minaría do cobre en Moeche e Cerdido, ademais de coñecer os procesos xeolóxicos que propiciaron a formación de xacementos deste mineral na nosa zona. Ambos itinerarios teñen xa o cupo cuberto, aínda que hai posibilidade de inscribirse na lista de agarda.
Xoves 19
Xeorruta por Mina Piquito
Moeche
Grupo 1: 16.00-17.50h (completo)
Grupo 2: 18.10-20.00 (completo)
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza. Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos. As reservas para a lista de agarda poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/9oVX8Y
Sábado 21
Xeorruta do Cobre
10:00 – 14:00 (completo)
Cerdido-Moeche
Coñeceremos a minaría do cobre que se desenvolveu nos concellos de Moeche e Cerdido durante parte do século XX, da que nos quedan aínda varias galerías soterradas e elementos arquitectónicos como a cheminea de calcinación de Mina Maruxa, pero tamén unha planta de tratamento químico, balsas de estériles ou entulleiras de materiais sobrantes trala obtención do mineral. O punto de encontro para este percorrido é ao pé da Casa da Cultura de Cerdido, na Barqueira, no acceso desde a estrada das Somozas ao complexo mineiro. Trátase dun itinerario novo dentro da programación anual de xeorrutas, promovido neste caso polos dous concellos.
Xa está cuberto o cupo de 20 prazas ofertadas, aínda que é posible anotarse na lista de agarda a través deste formulario: https://bit.ly/2T2iGEF