— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir un informe urbanístico favorable aos cambios propostos polo Goberno local coruñés, aprobados en pleno de forma provisional a finais do ano pasado
— O documento suporá a catalogación de 10 elementos de carácter arquitectónico na cidade herculina, que agrupan a un total de 45 edificios
A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acaba de informar favorablemente sobre a modificación puntual do PXOM da Coruña para revisar os elementos incluídos no seu catálogo e proceder á vez á incorporación doutros novos.
Con este informe, o departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pronúnciase sobre a modificación promovida de oficio polo Concello coruñés co fin de protexer novos elementos patrimoniais existentes na cidade que considera de interese así como para revisar, detectar e corrixir posibles defectos existentes no PXOM, aprobado en 2013.
Neste sentido, cómpre lembrar que os catálogos concíbense como un instrumento complementario e que deben incorporar obrigatoriamente todos os planeamentos para identificar os elementos que, polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnográficos ou paisaxísticos, merecen ser protexidos, e prever as medidas necesarias para a súa conservación.
No caso da modificación proposta no PXOM da Coruña, os cambios máis salientables suporán a incorporación ao catálogo actual de 10 novos elementos de carácter arquitectónico que agrupan a un total de 45 edificios co obxectivo de garantir para os mesmos un nivel de protección urbanística acorde co seu valor e interese.
Despois de que o pleno de Coruña aprobara provisionalmente esta modificación en decembro do ano pasado, o informe urbanístico da Xunta considera xustificadas as razóns de interese público que esgrime o Goberno local para promover os devanditos cambios, amparándose na necesidade de adecuación do plan á protección dos elementos que se considera conveniente conservar, mellorar ou recuperar, así como de adaptación do planeamento á lexislación de patrimonio cultural vixente.
Deste xeito, tras a emisión no seu día do informe ambiental estratéxico polo procedemento simplificado e unha vez realizada a proposta de informe favorable por parte de Urbanismo, a Xunta dá por concluído o seu papel na tramitación desta modificación puntual, pendente tan só agora de aprobación definitiva.