Os dous alcaldes coinciden na necesidade de aproveitar a conexión aérea entre ambas as dúas cidades que move uns 70.000 pasaxeiros anuais
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá co alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, un convenio marco en materia turística para desenvolver accións conxuntas que axuden a difundir a imaxe e marca de ambas as dúas cidades: “Este acordo permitirá potenciar Sevilladende A Coruña e A Coruña dende Sevilla e mellorar o coñecemento dos visitantes das dúas cidades”, asegurou Carlos Negreira.
O alcalde coruñés destacou que A Coruña e Sevilla comparten unha estratexia turística moi similar centrada na promoción da súa cultura, o seu patrimonio da humanidade, a súa gastronomía ou as súas actividades deportivas: “Queremos aproveitar as sinerxías das dúas cidades”, afirmou e recordou que, a pesar dos centos de quilómetros que separan ás dúas urbes, están a só unha hora e media de distancia grazas a unha conexión aérea directa que move uns 70.000 pasaxeiros anuais, case 250.000 nos catro últimos anos: “Temos que potenciar ese punto de unión que nos pode dar moitos beneficios”, asegurou.
O convenio que se asinou pretende, entre outras accións, aproveitar os espazos publicitarios das dúas cidades para promover cada un dos destinos, así como actividades específicas e eventos que se desenvolvan nelas e o voo que as une. Ademais, os dous equipos da área de Turismo da Coruña e Sevilla traballarán no desenvolvemento de accións concretas que redunden nun incremento do número de turistas, así como no impulso das industrias turísticas de ambas as dúas.
Tal e como recordou Carlos Negreira, Sevilla únese, deste modo, a unha rede de cidades nas que se está a presentar A Coruña como destino turístico: “Estamos a trazar unha rede de cidades que colaboramos co obxectivo de xerar máis riqueza, máis oportunidades e máis emprego”, subliñou e recordou a aposta decidida, dende 2011, do Goberno local polo sector turístico que deu bos resultados en cifras de visitantes e pernoctacións.
O alcalde de Sevilla, pola súa banda, mostrouse satisfeito de poñer en marcha esta iniciativa coa Coruña que é similar á que están a realizar en Madrid con magníficos resultados: “A colaboración entre os dous concellos permitiranos xerar máis oportunidades”, sinalou.
Os dous alcaldes recordaron que A Coruña e Sevilla levan tempo traballando de forma conxunta noutras materias, como no convenio asinado hai dous anos para o intercambio de experincias entre as dúas empresas públicas da auga que levou a que o Goberno de España as seleccionase, recentemente, para exportar ese coñecemento aos países de Latinoamérica.