Friday 22 de November de 2024

A Xunta reforza o seu apoio ao Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla de Moeche contribuíndo á súa promoción entre os productores


― A Consellería do Medio Rural xa sufragara o proxecto de execución básico da rehabilitación dunha nave para facer realidade este centro, así como parte das obras a través da medida Leader, investindo en total máis de 130.000 euros

― Agora apoiará aos concellos promotores das instalacións -Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño- para que difundan entre os agricultores da zona as posibilidades que ofrece A Funsquenlla para a transformación dos seus produtos

― A maiores, no encontro tratouse a solicitude do municipio de Moeche para ser considerado nas axudas da PAC destinadas a explotacións agrarias de montaña

A Xunta reforza o seu apoio ao Centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla. Farao apoiando aos concellos promotores -Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño- a que difundan entre os agricultores da zona as posibilidades que ofrecen estas instalacións para a transformación dos seus produtos. Así llo vén de trasladar o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a Beatriz Bascoy, a alcaldesa de Moeche, municipio onde está situado este centro.

Deste xeito, o director xeral puxo en valor A Fusquenlla como punto de encontro onde elaborar todo tipo de conservas -marmeladas, produtos de horta, etc.-, ademais de envasar mel e producir zumes. A idea é que no Centro se atopen medios e asesoramento profesional para procesar excedentes agroalimentarios, de maneira que os produtores poidan aportar aos consumidores un maior valor engadido, con producións non só da máxima calidade senón tamén con todas as garantías de seguridade e trazabilidade.

Na xuntanza, José Balseiros lembrou que estas instalacións que el mesmo visitou o pasado mes de maio recibiron por parte da Consellería do Medio Rural preto de 12.000 euros para financiar o proxecto de execución básico de rehabilitación da que noutrora fora a nave dos queixos de San Ramón. Así mesmo, sufragou parte das obras a través da medida Leader, cunha axuda de preto de 120.000 euros xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A maiores, no encontro tratouse a vontade do Concello de Moeche de ser considerado nas axudas da PAC destinadas a explotacións agrarias de montaña. Así, o director xeral comprometeuse a que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, tramitará co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación dita solicitude do consistorio avalada por diversos informes técnicos, para que os agricultores e gandeiros desta localidade coruñesa poidan compensar custos adicionais ou perdas de ingresos como consecuencia das limitacións que supón a produción en zonas de montaña.