― Iniciaranse os traballos na estrada AC-413 en Ordes e nas vías AC-543 e AC-301 ao seu paso polo municipio de Rois, na provincia da Coruña
― Na provincia de Lugo comezará a limpeza na estrada LU-120 en Vilalba e continuará na LU-172, en Muras, e na vía de altas prestacións CG. 2.1, en Monforte de Lemos
― Tamén se realizarán traballos na provincia de Pontevedra na variante de Vilagarcía VG. 4.7, Carril-Baión, e na estrada PO-531, Pontevedra-Baión; ademais de continuar as tarefas iniciadas a pasada semana na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán
― Na provincia de Ourense proseguirán os traballos iniciados nas últimas dúas semanas na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na OU-138 en Xunqueira de Espadanedo
― O departamento que dirixe Ethel Vázquez leva investidos, desde o ano 2018, 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga
A Xunta comeza a vindeira semana novas tarefas de limpeza nas marxes de estradas autonómicas das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra e continuará os iniciados nas dúas últimas semanas nas vías autonómicas da provincia de Ourense.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos nas estradas da provincia da Coruña, AC-413 en Ordes, e na AC-543 e AC-301 ao seu paso polo municipio de Rois.
Tamén se iniciarán novos traballos nas estradas da Xunta na provincia de Lugo, neste caso na LU-120 en Vilalba, e continuarán as tarefas na estrada LU-172, en Muras, e na vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos.
Na provincia de Pontevedra levaranse a cabo labores de roza e limpeza na variante de Vilagarcía VG.4.7, Carril-Baión, e na estrada PO-531, Pontevedra-Baión. Ademais continuarán as tarefas iniciadas a pasada semana na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán.
Na provincia de Ourense proseguirán os traballos iniciados nas últimas dúas semanas na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na OU-138 en Xunqueira de Espadanedo.
Os traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
A Xunta intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.