• O alcalde, Walter Pardo, mantivo unha xuntanza con integrantes do corpo co obxectivo de revitalizar o colectivo e darlle un novo pulo.
O Concello de Malpica está a dar os primeiros pasos para reactivar a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio. O alcalde, Walter Pardo, mantivo esta semana unha xuntanza con integrantes do colectivo.
A través desta reunión, o goberno local pretende revitalizar a súa actividade e darlle un novo pulo ás súas funcións no termo municipal.
Segundo explicou o rexedor malpicá, “a agrupación ofrécelle un servizo á veciñanza de enorme importancia que non vai quedar sen o apoio institucional do Concello”. Neste sentido, adiantou que se está a traballar de xeito “conxunto para reactivar a formación e seguir actuando en Malpica cando o pobo así o requira”.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil malpicá fundouse no ano 1996 e desde aquel momento prestou servizo á veciñanza en emerxencias como desaparicións, incendios ou desastres naturais coma o do ‘Prestige’.