― A Consellería de Emprego e Igualdade informa dos resultados dos últimos plans de choque de loita contra a fraude na contratación temporal e o uso irregular da contratación a tempo parcial
― As regularizacións das dúas campañas tiveron máis incidencia nos sectores da industria manufactureira, hostalería e comercio e nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense
― O Plan estratéxico da Inspección Laboral para 2021, que desenvolve a Xunta en coordinación co Estado, inclúe preto de 41.000 actuacións
― Céntrase nos colectivos máis afectados pola covid-19 como son as mulleres, a mocidade, as persoas con discapacidade, os traballadores con menos cualificación, os inmigrantes e os traballadores temporais
― Como novidade, realizarase un plan de actuación no sector do fogar e levarase a cabo unha campaña específica en materia de riscos psicosociais, ao tempo que se controlará a normativa laboral do teletraballo
A Consellería de Emprego e Igualdade informa dos resultados dos últimos plans de choque que se desenvolveron en coordinación co Estado para loitar contra a fraude na contratación temporal e contra o uso irregular da contratación a tempo parcial.
No último Consello Reitor celebrado por parte do organismo autónomo da Inspección de Traballo e Seguridade Social, fíxose un balance destas campañas que se levaron a cabo en execución do Plan director por un traballo digno e que se centraron en dúas actuacións afectando a un total de 17.833 traballadores e traballadoras. A través dos dous plans, os sectores máis afectados foron os da industria manufactureira, a hostalería e o comercio.
Por unha banda, acadouse a transformación en indefinidos de 8.920 contratos temporais (4.883 homes e 4.037 mulleres). A campaña afectou a 10.661 persoas traballadoras das que 8.920 viron transformados os seus contratos, é dicir, nun 83,7% dos casos. Os sectores nos que se detectaron máis fraude foron na industria manufactureira, nas actividades administrativas e nos servizos auxiliares e no comercio.
Por provincias, a Coruña acadou a transformación en indefinidos de 4.158 contratos (un 85,9% dos casos), seguido de Pontevedra con 2.966 contratos transformados (83,2%).
Doutra banda, o plan contra a fraude na contratación a tempo parcial afectou a 7.172 persoas, incrementándose a xornada laboral de 1.276 traballadores e traballadores. Un total de 798 casos foron incrementos iguais ou superiores ao 50% da xornada inicialmente declarada, o que supón que este tipo de ampliacións foi do 62,5% das realizadas. Ademais, nun 64,4%, os incrementos da xornada tiveron lugar en contratos de mulleres, o que supón unha mellora no mercado laboral feminino, xa que ao lograrse aumentar a xornada laboral tamén se incrementa o salario. Os sectores máis afectados foron os da hostalería e o comercio.
Por provincias, a maior eficacia desta campaña tivo lugar en Pontevedra con 544 contratos regularizados (19,5%) seguido de Ourense con 85 ampliacións da xornada laboral (17,9%).
Plan Estratéxico
Con respecto ao Plan estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social para 2021, que desenvolve a Xunta en coordinación co Estado, inclúense preto de 41.000 actuacións (40.887). Por áreas, estanse levando a cabo 9.065 en materia de prevención de riscos laborais; 9.058 en emprego e relacións laborais; 10.940 en asuntos relacionados coa seguridade social; e 10.935 actuacións ten que ver coa economía irregular e o traballo a persoas estranxeiras. As 889 restantes englóbanse en outras actuacións.
O Plan céntrase nos colectivos máis afectados pola covid-19 como son as mulleres, a mocidade, as persoas con discapacidade, os traballadores con menos cualificación, os inmigrantes e os traballadores temporais. Como novidade, realizarase un plan de actuación no sector do fogar e levarase a cabo unha campaña específica en materia de riscos psicosociais, ao tempo que se controlará a normativa laboral do teletraballo. A perspectiva de xénero inclúese en todas as actuacións inspectoras e potenciaranse as campañas para detectar posibles casos de fraude en Ere ou Ertes.