Saturday 16 de November de 2024

A mocidade transforma Touro na “Vila do Mañá” coa fusión do arte urbano e da literatura galega


_A iniciativa educativa ‘Traballando a literatura galega’, coa implicación de mozos e mozas da localidade, interveu no espazo urbano de Fonte Díaz a través de grafitis nos muros das rúas que levan o nome de literatos de Galicia

Un grupo de mozos e mozas do Concello transformaron Touro e a súa capital, Fonte Díaz, na ‘Vila do Mañá’. A mocidade, liderada polo proxecto educativo ‘A Vila do Mañá’ que capitanea a arquitecta Sandra González, traballou, aprendeu e divertiuse durante toda esta semana para mudar a faciana das rúas de Fonte Díaz. Os máis novos, a través de grafitis feitos nas paredes, muros e valados, tomaron conciencia de todas as escalas do común na vila de Fonte Díaz: a súa arquitectura, patrimonio, urbanismo e paisaxe.

Sandra González, creadora da Vila do Mañá e arquitecta do proxecto, explica o intenso traballo feito durante toda a semana: “Primeiro debatemos e tratamos de que mozos e mozas de Touro entenderan a obra e o seu contexto; e consesuamos o traballo que íamos facer”. Posteriormente, continúa, “preparamos o lienzo, neste caso os muros e valados de Fonte Díaz, e traballamos nas rúas Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Curros Enríquez e na Praza Martín Codax”. Calcula que pintaron “arredor de 65 metros cadrados de valados”.

“En cada obra seleccionada tratamos de que os máis novos foran protagonistas; conseguindo que as súas siluetas invadiran as rúas da súa vila, de Fonte Díaz”, explica Sandra González, que engade que ese é o espíritu “co que levamos traballando na Vila do Mañá dende hai anos”. Ao seu parecer, “así logramos xerar un vínculo identitario coa súa localidade de orixe, e máis ainda se son eles quenes quedan plasmados”. E pon exemplos: “Na obra de Rosalía de Castro, o protagonista foi Juan; na de Martín Códax, foi Noa; e na de Ramón Cabanillas, Aitor”.

“A nosa intervención pretende que Galicia teña vilas, entre elas Fonte Díaz, máis sostibles e comprometidas”. A Vila do Mañá, que comenzou a súa andaina no ano 2016 en Rianxo e que conta coa colaboración de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, estivo dirixida a mozos e mozas a partir dos dez anos. “Queremos xerar nos participantes que nos acompañen unha nova identidade”, engade Sandra González, quen destacou a importancia de “ter o poder de transformar o espazo”. De agora en diante os máis novos de Touro e todos os veciños e veciñas convivirán coa literatura galega na que eles memos son protagonistas.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Cultura e Educación, Adela Iglesias, destacou a importancia que para o Concello de Touro supón que os máis novos “estén presentes de forma activa nos procesos de construcción do espazo común”. Ao seu xuizo, este proxecto permitiu “darlles as ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura, con fin de provocar neles unha unha nova mirada, ao tempo que se xeran vínculos de identidad ecos espazos nos que habitan”.