Friday 22 de November de 2024

Feijóo traslada aos deportistas olímpicos galegos a felicitación de toda Galicia pola súa histórica participación nos Xogos de Toquio


– “Unha de cada tres medallas españolas fala en galego”, salienta

– Anuncia que a Oficina de Atención ao Deportista estará en funcionamento para a tempada que vén, co obxectivo de seguir acompañando aos deportistas no camiño á excelencia

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe aos deportistas olímpicos galegos a felicitación de toda Galicia pola súa histórica participación nos Xogos de Toquio.

A ese respecto, destacou que se a convocatoria para Toquio xa foi todo un fito para Galicia, coa participación 20 deportistas galegos e cinco con licenza galega, as 6 medallas (Teresa Portela, Rodrigo Corrales, Nico Rodríguez, Iván Villar, Ana Peleteiro, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo) e 10 diplomas olímpicos acadados (Niko Shera, Raquel Carrera, Tamara Abalde, Alberto Abalde, Iago López Marra, Támara Echegoyen, Adrián Ben, Antía Jácome, Carlos Arévalo, Emmanuel Reyes e Caetano Horta) xa forman parte da historia.

Ante estas cifras, puxo en valor que o 72% dos galegos que participaron nos Xogos Olímpicos quedaron entre os 8 mellores do mundo. “Unha de cada tres medallas españolas fala en galego”, abundou.

Logo de recoñecer o seu esforzo e sacrificio, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para anunciar que a Oficina de Atención ao Deportista estará en pleno funcionamento para a tempada que vén, co obxectivo de seguir acompañando aos deportistas no camiño á excelencia. “É un xeito de axudarvos a recoñecer o traballo e tamén de render unha homenaxe a todos os vosos devanceiros olímpicos”.

Máis polo miúdo, explicou que esta oficina orientará e informará, permitirá detectar as necesidades que poidan xurdir e promover actuacións destinadas á divulgación e formación.

Nesa liña, recordou que a Xunta impulsou nos últimos anos preto de medio milleiro de obras para mellorar as infraestruturas deportivas existentes, prestando especial atención ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva “a xoia da coroa” no que se levan investidos 4,3 M€.

Finalmente, Feijóo concluíu a súa intervención reiterando o agradecementos infinito por parte de todos os galegos e galegas e a confianza en que este bo resultado teña continuidade nos Xogos Paralímpicos.