Friday 22 de November de 2024

A Xunta e forzas de seguridade acordan extremar a vixilancia no cumprimento das normas sanitarias ante a fin de semana con máis festivos e desprazamentos do ano


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acordaron, nunha reunión por videoconferencia cos xefes das policías locais das principais cidades galegas e cos mandos policiais da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica, extremar os controis e incrementar os dispositivos para evitar infraccións

― Os axentes controlarán os lugares de ocio nocturno atendendo ás normas en vigor e vixiarán que non se celebren botellóns nin festas privadas, que están prohibidas

As forzas de seguridade extremarán a vixilancia esta fin de semana en Galicia para evitar aglomeracións de persoas e incumprimentos nas normas de seguridade. Así se acordou esta mañá nunha reunión de coordinación de seguridade presidida polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e á que asistiron tamén por vía telemática o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os mandos das policías locais das principais cidades galegas, así como responsables autonómicos da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica.

Perante unha ponte na que se prevén moitos desprazamentos e na que tradicionalmente se celebraban moitas festas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19. Polo tanto, tal e como se acordou no encontro, os axentes vixiarán especialmente os lugares de ocio nocturno, a celebración de festas privadas e os botellóns, que están prohibidos.

Os responsables autonómicos tamén comentaron cos mandos policiais os diferentes escenarios que se abren de cara a esta fin de semana, á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a obligatoriedade de presentar o certificado covid para entrar nos locais de hostalería nos concellos con máis alta incidencia epidemiolóxica.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, apelou unha vez máis á responsabilidade e recordou que, mentres a maioría da poboación non estea inmunizada, as normas seguen a ser de obrigado cumprimento e que os axentes vixiarán, especialmente nesta fin de semana, que se respecten as limitacións, tendo en conta que o feito de non facelo pode levar aparelladas multas para os infractores que, nos casos dos botellóns, poden elevarse aos 200 ou 300 euros por participante.
Rueda pediu “sentidiño” á poboación, especialmente aos máis novos, aos que solicitou prudencia porque “independentemente de que estean ou non vacinados, as normas son para todos”.

No encontro telemático, Alfonso Rueda agradeceu a labor das forzas de seguridade do Estado e pediulles especial vixilancia estes días de festa, lembrando que unha alta porcentaxe de contaxios se producen en encontros familiares.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou que hai varios factores que fan que esta ponte festiva sexa “perigosa”: o bo tempo, as vacacións, a celebración de festas populares e unha “euforia” da xente xa vacinada cunha falsa sensación de seguridade. Julio García Comesaña lembra que aínda estamos en pandemia e que hai que ser prudentes. Incluso cando temos a máis do 70% da poboación inmunizada, o “virus segue circulando e pode facer aínda moito dano”.