— Contan cunha dotación orzamentaria de 150.000 euros e un período de execución de dous anos, a desenvolver polas universidades galegas en solitario ou en colaboración con outros grupos de investigación
— A convocatoria financia, entre outras, iniciativas en apoio de mulleres vítimas de violencia de xénero ou vencelladas ao cambio climático e á economía circular no marco da Axenda 2030
A Xunta destinará 150.000 euros á financiación de cinco proxectos de investigación e de creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, tal e como se recolle na resolución de subvencións deste ano da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
A resolución fai referencia á posta en marcha de proxectos no marco da Axenda 2030 e teñen un período de execución de dos anos (2021 e 2022), con una dotación orzamentaria de 150.000 euros, 75.000 para cada anualidade.
Á convocatoria presentáronse un total de 14 solicitudes, e a resolución deu o visto bo á financiación de cinco, das cales dúas son de agrupacións de entidades.
Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo) desenvolverán un proxecto de apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero, en tanto que a USC, xunto co Grupo de Investigación, Innovación, Cambio estrutural e Desenvolvemento (Icede) traballará nas potencialidades da economía circular para o desenvolvemento sustentable e inclusivo en países de América Latina.
Por outra banda, a Universidade da Coruña (UDC) investigará sobre o impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas en familias caboverdiás asentadas en Galicia, en tanto que a UVigo avaliará o cambio climático na República de Cabo Verde e a recuperación de solos degradados pola minería.
A orde de axudas enmárcase no Plan Anual 2021 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros para este ano, 801.400 euros máis que en 2020. Con este aumento do 12% no orzamento, a Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.
O Goberno galego mantén así o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia. Por iso, o Plan deste ano desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega, que foi elaborada en colaboración cos axentes galegos de cooperación, co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da Cooperación Galega se orientasen á loita contra o coronavirus e a dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables.