O alcalde de Malpica, Walter Pardo, ante a renuncia presentada polo edil non adscrito Alfredo Cañizo como membro do goberno local e ante as declaracións públicas que realizou posteriormente, quere manifestar o seguinte:
1. Queda absolutamente claro que a intención do concelleiro non adscrito non se corresponde co obxectivo de buscar o ben da veciñanza malpicá, senón que máis ben responde ao seu interese particular. O único que está a facilitar desde xa é o atranco político e a demora na acción municipal que pide a cidadanía.
2. Desde a conformación do goberno local, o grupo socialista tratou por todos os medios de facilitar a comunicación tanto cos membros do Bloque Nacionalista Galego no Concello como co concelleiro non adscrito. A actitude deste último ao longo destes anos foi, como ben sabe a propia veciñanza e as persoas que forman parte da corporación municipal, unha problemática á hora de sacar adiante acordos e mesmo executar proxectos que contaban co visto bo do resto do pleno.
En calquera caso, tivéronse en consideración, sen excepción, todas as propostas das e dos integrantes da executiva malpicá nestes dous anos de mandato. O diálogo foi sempre a ferramenta coa que se intentou procurar o mellor para Malpica e a súa xente. É unha verdadeira mágoa que as pretensións do concelleiro non adscrito disten deste propósito.
3. Non aceptei nin aceptarei xamais que un compoñente do goberno local que presido actúe por libre para favorecer a determinadas persoas, queréndose escapar das normativas dos procedementos administrativos legais. Ser membro do goberno de Malpica é unha das maiores honras que un pode asumir na vida e por iso é esencial actuar coa responsabilidade e seriedade que merece o cargo. Isto foi o que esixín desde o principio e se alguén non o pode cumprir, desde logo que non ten sitio neste equipo de goberno.
4. En canto ao traballo feito polo goberno local de Malpica desde a súa renovación en maio do ano 2019, manifesto a miña máis profunda satisfacción polas iniciativas que xa se executaron nestes dous últimos anos e polas moitas outras actuacións que están encamiñadas ou a piques de realizarse en curto, medio e longo prazo. Coa chegada dun novo equipo de goberno, o Concello de Malpica puido gozar dunha renovación na súa dirección e atender a moitas das demandas que ata o momento non obtiveran resposta.
5. Como alcalde do Concello de Malpica, seguirei mantendo o meu pobo como prioridade absoluta en calquera das decisións que se adopten desde o goberno. A veciñanza sempre está e seguirá estando por riba de calquera persoa que intente poñer por diante os seus intereses particulares. Malpica merece uns gobernantes á súa altura. Seguiremos traballando polo ben de todas as familias ás que representa este equipo de goberno. Malpica sempre estará por diante.