Friday 22 de November de 2024

O Entroido coruñés cóase nas festas de María Pita


O Concello quere agradecerlles ás comparsas o seu papel nas festas da cidade coa celebración de distintos pasacalles

O Entroido cóase nas festas de María Pita. E faino como só as comparsas coruñesas saben facelo, con humor e moita alegría. E tamén con sentido e responsabilidade, respectando todas as normativas e medidas de seguridade establecidas pola COVID 19.

Desde mañá e até o domingo, as comparsas levarán ás rúas o seu espectáculo “Pasaporte Covid” cun claro obxectivo: renderlles unha emotiva homenaxe ás e os sanitarios e ás persoas que traballaron na primeira liña durante a crise sanitaria. A Asociación Lúdico Cultural Comparsa Pantaleón, Amigos da Xoldra, Comparsa Monte Alto a 100, Malandros Escola de Samba, Kilomberos de Monte Alto e Os Maracos serán as cinco comparsas que participarán nos distintos pasacalles.

O Concello pretende facerlle “unha chiscadela” ao Entroido coruñés e agradecer o papel das comparsas que este ano non puideron saír ás rúas debido á pandemia.

Para o Goberno de Inés Rey, as comparsas son a esencia dunha das festas máis representativas e importantes da nosa cidade. Así maña, ás 13.00 horas, persoas representantes das cinco comparsas renderanlle unha homenaxe a Emilia Pardo Bazán, que retratou na súa obra “La tribuna” a esencia do entroido coruñés. A estatua da escritora é o lugar elixido polas comparsas para ler o manifesto de apoio ao persoal médico e sanitario. Ao finalizar o acto, percorrerán distintas rúas da cidade practicando “unha vacinación masiva” chea de humor e risas.

O sábado, as comparsas, por separado, lanzaranse de novo ás zonas de hostalaría das rúas da Torre, Arenal, Monte Alto, e a contorna de Pescaría para seguir coa súa campaña de vacinación e amenizar coa súa música e humor a sesión vermú.

E, por último, o domingo, no Campo da Leña, ás 14.00 horas, realizarase un simbólico “enterro da COVID” nunha caixa blindada para queimar no vindeiro Entroido.