Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión inviste case 65.000 euros na mellora do camiño entre a estrada AC-300 e o límite con Teo, ao seu paso por Bastavales


O Concello de Brión vén de rematar as obras de mellora do camiño que une a estrada AC-300 Os Ánxeles-A Picaraña co Santo Arandel e o límite do municipio con Teo, na parroquia de Bastavales. Uns traballos nos que investiu 63.960 euros de fondos propios e que, ademais de mellorar a conectividade dos veciños e veciñas da aldea de Beca, tamén permiten poñer en valor espazos de valor patrimonial, natural e histórico como a Ponte Paradela, o Castro Lupario ou o Santo Arandel, así como as rutas de sendeirismo do Castro Lupario ou do Río Sar.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “comezamos aglomerando as urbanizacións pero non nos esquecemos das parroquias, actuando non só en Bastavales, senón tamén na Luaña, Cornanda, Boullón, Os Ánxeles, Brión e así en todas as parroquias”. Neste caso, as obras supuxeron a reparación das fochancas deste camiño en Bastavales, de 1.711 metros de lonxitude, que posteriormente foi aglomerado en quente cunha mistura de 6 centímetros. A obra completouse co pintado da sinalización horizontal e a adaptación das entradas e posta a cota de todas as tapas de pozos, arquetas, reixas e sumidoiros.