Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño financia con 6.500 euros a escola de fútbol Irmandiños


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente da Escola de Fútbol Irmandiños, José Manuel Rañal, asinaron este mediodía no Concello o convenio de colaboración entre ambas entidades para impulsar este novo proxecto deportivo de ámbito comarcal, que ten como principal obxectivo poñer en marcha un novo modelo para a aprendizaxe e a práctica do fútbol de base. A través do acordo, o Concello compromete xa neste 2021 unha achega de 6.500 euros para o finanzamento das actividades da EF Irmandiños, quen se encargará a partir de agora de xestionar as escolas desta disciplina tanto en San Sadurniño como nos municipios de Moeche, Cerdido e As Somozas. Tralo proxecto están o CF San Sadurniño, a ADC Moeche, a UDC Cebarca e a UD Somozas xuntando forzas para formar a rapazada como futbolistas, pero tamén como persoas.

A escola de fútbol Irmandiños presentouse o pasado 31 de xullo no campo da piscina. Naquel encontro a directiva explicou cal será a filosofía dunha iniciativa que, dunha banda, persegue agrupar a base dos catro equipos, de maneira que as nenas e nenos vaian medrando como deportistas nas distintas categorías tendo logo oportunidade de progresar, despois de xuvenís, nos equipos da liga comarcal ou no Somozas.

Nese proceso é importante a formación “con obxectivos axeitados a cada idade”, tal e como asegurou daquela o coordinador de metodoloxía Óscar Blanco, priorizando “a educación deportiva e social” en colaboración coas nais e pais, consideradas como parte fundamental do proxecto. “En primeira división só collen 500 futbolistas e practican este deporte millóns de nenos, así que é mellor formar persoas”, dixo Blanco.

As formacións ata a cadete adestrarán no campo da piscina de San Sadurniño, mentres que en xuvenís utilizaranse as instalacións das Somozas. Os equipos rotarán durante a competición ligueira polos campos dos catro concellos, xogando os encontros de Fútbol 8 na cancha artificial de San Sadurniño mentres que os de Fútbol 11 distribuirán o seu calendario polos demais recintos.

A EF Irmandiños é resultado dunha idea madurada durante meses que agarda botar a andar tralo verán despois de obter o apoio de varias firmas patrocinadoras e dos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas.

San Sadurniño achegará 6.500 euros por medio do convenio asinado esta mañá. O acordo estipula que esta cantidade se destinará ao financiamento dos gastos para o fomento do deporte e a participación da entidade nas competicións oficiais en categorías de base. A transferencia dos fondos farase nos próximos días e, antes de que remate a vixencia do convenio, a escola deberá achegar a xustificación dos gastos efectuados, así como a memoria das actividades realizadas e os resultados obtidos.

A entidade tamén se compromete a reflectir na súa comunicación o apoio municipal -incluída a participación no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal-, empregar o galego e promover a igualdade e a inclusión, ademais de sumarse ás campañas desenvolvidas por parte do Concello en materia de promoción da igualdade e da prevención de violencia de xénero.

Ademais das achegas municipais e patrocinios, a escola tamén se sosterá coas cotas das familias (15 euros/mes e 10€ a partir do segundo membro). Aquelas que queiran sumarse a este novo proxecto poden contactar coa escola no correo efirmandinos@gmail.com ou no teléfono 669 638 282 (en horario de 17 a 19.00h)