Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche investirá 143.000 euros na ampliación do abastecemento de auga e en melloras na rede de saneamento


O Concello de Moeche resultou beneficiario de tres subvencións de Augas de Galicia por un importe próximo aos 84.000 euros que se dedicarán integramente a tres obras de mellora das redes de abastecemento e saneamento. Os traballos consistirán na ampliación da subministración desde San Xurxo até o límite con San Sadurniño, na construción dunha nova foxa en San Ramón e na instalación dun contador no depósito de auga municipal. Os tres proxectos ascenden a 102.533,07 euros, de maneira que o consistorio financiará con fondos propios os cerca de 19.000 euros de diferenza. Esta non será a única actuación relacionada cos servizos básicos que executará o Concello ao longo deste 2021, posto que con cargo ao POS Adicional da Deputación da Coruña tamén se custearán os 34.960€ da ampliación da rede municipal de augas en Santa Cruz. Nesa mesma parroquia a Administración local tamén dedicará 6.000 euros de fondos propios á compra dos terreos para construír unha captación municipal que evite depender do abastecemento das Somozas.

O proxecto de maior importe dos cofinanciados por Augas de Galicia é o correspondente á continuación do abastecemento en San Xurxo. A ampliación da rede arrancará na zona da Veliña e chegará aos lugares de Portogonzalbo, Bouza, Beleiriz e Piegolongo, xa no límite con San Sadurniño.

Trátase dunha demanda veciñal á que agora o Concello lle dará cumprimento cun orzamento total de 65.091,54 euros dos que o ente autonómico pon 50.000 e os 15.000 restantes corren por conta do consistorio. A obra enlazará a trama de distribución co colector xeral que discorre pola estrada provincial DP-4907, de maneira que serán 20 as vivendas que poderán conectarse ao servizo de auga municipal.

Os proxectos relacionados coa auga potable que contan con axuda de Augas de Galicia complétanse cunha achega de 1.500 euros para a instalación dun contador na saída do depósito municipal. O Concello xa mercou este equipamento a empezos de ano e incorporouno á solicitude de subvencións, que tamén chegará para instalar un segundo dispositivo á entrada do depósito preparado para facilitar datos por telemetría. O custe de ambos aparellos sobrepasa os 2.700 euros.

Cómpre lembrar que este mesmo ano tamén se licitará a rede de conexión entre O Loureiro e Os Acivros pasando pola Casatellada (Santa Cruz), cuantificada en cerca de 35.000 euros provenientes do POS Adicional da Deputación da Coruña. Ademais o Concello reforzou recentemente a capítulo de obras con 350.000 euros dos remanentes económicos do ano pasado, reservando 6.000 euros desa cantidade para a adquisición dun terreo nesta mesma parroquia onde se prevé construír máis adiante unha captación municipal que evite a dependencia da subministración do Concello das Somozas.

Melloras no saneamento
No referido á rede de recollida de augas residuais, a subvención de Augas de Galicia tamén cubrirá parte do proxecto de 35.941,53 euros deseñado polo Concello para renovar totalmente o foxo de depuración por decantación que hai en San Ramón.

O antigo depósito modificarase dotándoo de tres cámaras, un filtro biolóxico e unha balsa húmida de depuración mediante plantas, coa finalidade de limpar as augas de domicilios e hostalaría sen practicamente mantemento e coas máximas garantías ambientais.

Hai tan só uns meses o Concello tamén completou a ampliación do saneamento municipal no lugar do Retorno cun investimento cercano aos 24.000 euros de fondos propios.