— A Revista Autoturing austríaca dará a coñecer o trazado logo das visitas guiadas a algúns dos puntos que atravesa como Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Sobrado dos Monxes ou Santiago de Compostela
— O Goberno galego mantén o seu compromiso con esta ruta coa posta en marcha dun novo albergue en Sobrado dos Monxes e melloras noutros 4 ata finais de ano
— O Camiño de Santiago está a reactivarse con máis de 65.400 peregrinos no que vai de ano, máis de 3.000 a través do Camiño do Norte
A Xunta organizou esta semana unha viaxe de familiarización en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) en Viena para dar a coñecer o Camiño do Norte en Austria a través da Revista Autoturing, no marco do apoio de promoción á Raiffeisen Reisen, o touroperador máis importante do país austríaco.
O presstrip incluíu a visita a Galicia esta semana dun dos profesionais deste medio para divulgar a marca España Norte e o Camiño do Norte. Así, entre o luns e o martes, a visita incluíu varios dos puntos que percorre esta ruta xacobea, descubrindo o patrimonio e a natureza dos concellos de Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Vilalba, Sobrado dos Monxes e Lugo e rematando hoxe a viaxe en Santiago de Compostela. Entre o amplo programa de actividades, incluíronse visitas guiadas a atractivos turísticos como a illa Pancha, a Praia das Catedrais, o areal de Covas, a catedral de Mondoñedo ou Sargadelos, así como os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.
A Xunta traballa para neste Xacobeo 21-22 ofrecer un destino seguro e de calidade e un Camiño seguro, con medidas de acondicionamento, sinalización e embelecemento nas distintas rutas e con melloras en albergues, co obxectivo de ofrecer a mellor imaxe da comunidade aos peregrinos. De feito, das actuacións de acondicionamento previstas ata fin de ano en 28 albergues da rede pública, inclúense melloras nalgúns do Camiño do Norte, como os de Gontán, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo. Ademais, o Goberno galego apoia esta ruta coa rehabilitación do mosteiro de Sobrado para acoller a creación dun novo albergue, no marco do Plan de Albergues co que se pretende que a rede chegue neste Xacobeo aos 78 edificios.
O Camiño de Santiago estase a reactivar e no que vai de ano chegaron a Santiago máis de 66.500 peregrinos, máis de 12.400 só neste mes de agosto no que a media de Compostelas seladas cada día supera o milleiro. No caso do Camiño do Norte son máis de 3.000 peregrinos desde xaneiro, unha ruta declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en xullo de 2015 xunto co Camiño Primitivo baixo o nome Os Camiños de Santiago do Norte Peninsular.