— Deste xeito, o Goberno galego cumpre co obxectivo de asignar o 100% dos fondos dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural
— Unha vez asinados os convenios con cada un dos municipios beneficiarios, poderán solicitar as axudas os propietarios de vivendas e edificios a rehabilitar emprazados nalgunha das 40 ARIS incluídas no reparto, así como os propios concellos
— O importe máximo das subvencións é de 24.000 euros por cada vivenda a rehabilitar
Un total de 22 concellos beneficiaranse do reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles este ano para financiar actuacións de recuperación nas áreas de rehabilitación integral (ARIS) da Comunidade. A Xunta de Galicia acaba de resolver o procedemento aberto a mediados de xuño para poder participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural grazas ao cal poderase intervir sobre un total de 40 ARIS galegas.
En concreto, entre os municipios beneficiados por esta última convocatoria hai seis da provincia da Coruña —Ferrol, Mugardos, Corcubión, Noia, Rianxo e Santiago—; nove da de Lugo —Castro de Rei, Chantada, Guitiriz, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribadeo e Sober—; tres ourensáns —Castro Caldelas, Ourense e Ribadavia—; e catro de Pontevedra —Caldas de Reis, Pontevedra, Tui e Vigo—.
Tras analizar todas as solicitudes e tendo en conta o cumprimento de obxectivos de cada concello nas convocatorias anteriores, o Goberno galego vén de determinar a contía exacta que lle corresponderá con cargo á anualidade 2021 a cada un dos 22 municipios incluídos no reparto.
Neste sentido, cómpre subliñar que a Xunta tamén ponderou á hora de distribuír os fondos a condición de Área rexurbe dalgunha das ARIS para as que se pedía financiamento. Foi o caso de Mondoñedo e Ribadavia, dous dos primeiros concellos en apostar por esta nova figura —prevista na Lei de rehabilitación— e aos que se lles asignou unha contía maior para intervir nas súas respectivas Áreas rexurbe.
Así mesmo, entran por primeira vez no reparto de fondos para as áreas de rehabilitación integral un total de seis novos ámbitos, que foron declarados nos últimos meses e, polo tanto, nunca antes recibiran financiamento. Son as catro novas ARIS de Vigo, a ARI de Castro de Rei e a ARI de Guitiriz.
Unha vez decididas as asignacións e notificadas aos beneficiarios, asinaranse convenios específicos con cada un dos 22 concellos para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan á convocatoria das axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e dos edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.
O importe máximo das subvencións que poderán percibir os particulares é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, o límite subirá ata o 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos dentro do ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.
A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.
Máis de 185 millóns e 18.500 vivendas
Coa asignación entre os 22 concellos solicitantes dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para a anualidade 2021 a Xunta cumpre co seu obxectivo inicial, que era executar o 100% do orzamento previsto para esta nova convocatoria do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Administración autonómica vén facendo nos últimos anos un importante esforzo en materia de rehabilitación e que desde a posta en marcha deste programa xa se mobilizaron 185 millóns de euros para recuperar ao redor de 18.500 vivendas na Comunidade.
A estas grandes cifras hai que sumar o importe destinado tamén ás oficinas de rehabilitación, que só nos últimos catro anos recibiron 5,14 millóns e onde traballan xa máis de 120 persoas.
Actualmente existen 76 ARI declaradas en 44 concellos e outras tres de carácter supramunicipal —as ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra—. En total, 160 concellos galegos teñen polo menos unha figura deste tipo dentro do seu termo municipal.