Saturday 16 de November de 2024

As propostas da campaña de verán da Xunta ofrecen ocio seguro e saudable para persoas con discapacidade


Este campamento acolle desde o pasado 8 de agosto e ata o 17 deste mesmo mes a 15 persoas con discapacidade de entre 19 e 40 anos
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe os usuarios do campamento Natureza xunto ao Mar que se desenvolve no Albergue Xuvenil de Gandarío destinado a persoas con discapacidade. O director xeral quixo destacar a importancia que ten levar a cabo este tipo de propostas que converten a Galicia nun lugar máis inclusivo e onde todos podemos desfrutar dun ocio educativo, seguro e saudable no verán.

Este campamento acolle desde o pasado 8 de agosto 15 persoas de entre 19 e 40 anos que están realizando unha gran variedade de actividades dirixidas ao fomento das habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar ou aos hábitos saudables.
A Xunta de Galicia puxo en marcha os campamentos específicos para persoas con discapacidade, enmarcados na campaña estival que este ano se está a desenvolver baixo o lema O verán que mereces. Nesta convocatoria ofrecéronse preto de 200 prazas en tres instalacións diferentes: na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e nas instalacións coruñesas que se visitaron hoxe.

Nestes tres espazos, un total de 185 persoas de entre 11 e 45 anos teñen a oportunidade de realizar actividades que lles permiten desenvolver un ocio educativo seguro e inclusivo ao longo de 12 estadías diferentes. Nesta programación ofrécense actividades deportivas e acuáticas no medio da natureza o que permite que os participantes poidan desfrutar de hábitos de vida saudables e a súa vez desenvolver e fomentar as súas capacidades físicas.