As actuacións foron realizadas polo alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III
O Concello de Frades vén de acondicionar tres parques infantís nas parroquias de Moar e Abellá grazas ao alumnado do Obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III, promovido polos Concellos de Ordes, Frades e Mesía. As actuacións de mantemento e mellora destas áreas infantís tiveron lugar nos parques da Ponte Carballa e O Cabezo (Abellá) e no parque infantil de Moar.
“A principal actuación foi no parque infantil do Cabezo, onde acondicionaron unha base de area para protexer á rapazada fronte a posibles caídas, ademais de instalar novos xogos”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey. Nos outros dous parques infantís, o alumnado do obradoiro de emprego fixeron traballos de mantemento e mellora dos xogos e das áreas verdes nas que están emprazados.
Así mesmo, en colaboración coas brigadas municipais de obras, os alumnos e alumnas do Brañas do Illó-Río Samo III acondicionaron os espazos verdes e as diferentes áreas recreativas do municipio para a tempada de verán. Actuacións que non se limitaron a áreas recreativas como as da Presa (Gafoi) ou á do Muíño de Céltigos, incluso chegaron á parcela do campo de fútbol de Vitre.
Estas accións de mantemento e mellora nos parques infantís do municipio súmanse á próxima construción dun novo parque infantil cuberto a carón da praza do centro de saúde de Abellá. Un proxecto que conta cun orzamento de 57.375 euros e que será licitado polo Concello de Frades nas próximas semanas.