Friday 22 de November de 2024

Turismo de Padrón crea “Dona Pedronía”, unha personaxe que achegará aos máis novos a importancia do Camiño da Pedronía


A iniciativa foi testada con éxito entre os nenos e nenas do Concilia Verán

Turismo de Padrón vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para a promoción do Camiño da Pedronía, nesta ocasión entre os máis cativos do municipio. Trátase da creación do personaxe “Dona Pedronía”, que pretende achegar aos nenos e nenas as orixes de Padrón como berce do fenómeno Xacobeo e explicar as razóns polas que se realiza o Camiño da Pedronía.

Desde Turismo de Padrón crearonse unhas fichas didácticas para os nenos e nenas con distintos xogos sobre a Pedronía e o fenómeno xacobeo. “A nosa intención é realizar actividades durante o curso nos centros escolares de Padrón con Dona Pedronía e as fichas didácticas”, explica Lorena Couso, concelleira de Cultura, quen destaca que “hai uns días fixemos unha proba piloto coa rapazada que participa no Concilia Verán e resultou todo un éxito”.

Ademais da personaxe, froito da fusión de cinco elementos característicos do municipio (o Pedrón, os pementos, Rosalía de Castro, o Xacobeo e os peregrinos), a Pedronía é unha credencial propia que desde o ano 2010 concede o Concello de Padrón ás persoas que realicen o Camiño de Santiago a Padrón. Pode ser un percorrido desde calquera localidade da Ría de Arousa a Padrón por vía marítima-fluvial ou desde calquera municipio emprazado a máis de 18 quilómetros de Padrón.