— A día de hoxe hai máis de 400 entidades adscritas á iniciativa, liderada por Sogama e que busca recuperar unha práctica tradicional no rural
— O obxectivo é reciclar a materia orgánica en orixe para obter un abono de alta calidade que os participantes aproveiten nas súas hortas ou xardíns, ao tempo que se reducen os custos pola prestación deste servizo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu de forma gratuíta máis de 17.000 compostadores entre as 402 entidades adheridas ata o momento ao programa de compostaxe doméstica que lidera Sogama desde hai máis dunha década.
Os recipientes, cunha capacidade de 390 e 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, sendo a súa función propiciar que o proceso de autoxestión da materia orgánica se leve a cabo de forma cómoda, hixiénica e eficiente. Así mesmo, trátase de recuperar tamén unha práctica tradicional no medio rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost.
Para isto, é necesario que as vivendas participantes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo —horta, xardín ou terras de cultivo— no que poder aplicar o abono resultante.
Do total de entidades adscritas actualmente ao programa, a maioría son concellos e centros educativos aínda que tamén hai colectivos sociais, e a cifra segue crecendo. De feito, só no que vai de ano 20 novos concellos decidiron sumarse á iniciativa e 37 acordaron ampliala a novas vivendas co fin de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que achega nutrientes e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Ao redor do 42% da bolsa de lixo
Dado que a materia orgánica representa ao redor do 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recicla en orixe evítase o seu depósito no contedor verde convencional, podendo diminuír os concellos a frecuencia de recollida e transporte co conseguinte aforro de emisións de CO2, así como minorar os custos asociados ao servizo ao rebaixar as cantidades de residuos que deben recibir tratamento finalista en planta.
Ademais da subministración dos recipientes necesarios para compsotar, Sogama encárgase de editar material didáctico de apoio. Exemplo disto son os manuais que entrega con cada composteiro para que as familias adscritas ao programa poidan utilizalos como guías. Nos mesmos descríbese a técnica a levar a cabo: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrega dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, dando resposta ás preguntas máis habituais.
Así mesmo, e en coordinación cos concellos e o resto de entidades adheridas, persoal de Sogama imparte cursos de formación nos que se explica a operativa, así como o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, de gran relevancia para obter un abono que cumpra con todos os requisitos establecidos na normativa vixente e que poida ser utilizado na agricultura con garantías e sen restricións.
De forma complementaria, teñen á súa disposición un sitio web específico, compostaconsogama, a través do cal poden acceder a distintos recursos divulgativos (vídeos, cuñas, xogos…).
Novas plantas de biorresiduos
Cómpre lembrar que a Xunta, da man de Sogama, traballa na configuración dunha rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, o de cor marrón.
Esta rede estará integrada por catro plantas de biorresiduos —en Cerceda, xa en funcionamento, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—, apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica, facilitando así o seu transporte ata a planta de compostaxe máis próxima. Con estas instalacións darase servizo a máis de 2,2 millóns de galegos.
Neste sentido, cómpre lembrar que os concellos teñen de prazo ata finais do ano 2023 para implantar a recollida separada da materia orgánica contida nos residuos urbanos a través do contedor marrón. Con esta infraestrutura, a Xunta pretende axudar aos entes locais, que teñen a responsabilidade sobre a xestión do lixo, a dar debido cumprimento á normativa e contribuír ao incremento das taxas de reciclaxe conforme aos obxectivos europeos.