— Conta cun orzamento anual duns 8,2M€ e dará cobertura a medio cento de edificios administrativos da Xunta
A Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a contratación da prestación do servizo de vixilancia e seguridade dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, por un importe de licitación de 16.590.301,61 euros estimado para dous anos -8.295.150,80 euros para unha anualidade- e prorrogables por un prazo máximo de 36 meses.
Na anterior licitación o importe de adxudicación inicial para un período de 12 meses foi de 5.471.735,03 euros, se ben actualmente o seu importe anual ascende a 6.957.182,64 euros como consecuencia das modificacións levadas a cabo para a incorporación de novas dependencias ao contrato.
Esta nova licitación incrementa o seu importe anual nun 18% tanto para dar cobertura ás subas salariais derivadas da aplicación do convenio colectivo estatal de empresas de seguridade, ademais de ter en conta os novos centros que se foron sumando ao contrato actual mediante modificados e as novas dependencias que solicitaron adherirse a esta nova contratación. Isto é, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, o Instituto Galego do Consumo e a Competencia, o Centro de Tecnificación Deportiva e o CIS de Ferrol.
Este contrato dará cobertura, por tanto, a case medio cento de edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano, San Lázaro e Santiago de Compostela, así como os correspondentes ás delegacións provinciais do Goberno galego ou Casa de Galicia en Madrid.
A Xunta financiará o servizo tendo en conta os aforros acumulados de 22,5 millóns de euros que se teñen producido desde 2009 no marco liña de racionalización e eficiencia do gasto público seguida pola Administración autonómica.