O salón de cómic recibirá até o domingo a grandes da banda deseñada como Pepe Larraz, Javier Olivares ou Teresa Valero, cunha maneira de contar “que seguiremos apoiando desde o Goberno de Inés Rey, dándolle visibilidade ao noso colectivo Coruña Gráfica e a iniciativas que poñan en valor aos talentos do país”, destacou na inauguración o edil Jesús Celemín
O concelleiro Jesús Celemín participou esta tarde na inauguración da 24 edición do salón de cómic Viñetas desde o Atlántico, en que se recuperan as charlas das/os autoras/os convidadas/os, que se sumarán ás sesións de sinaturas, ás exposicións e ás casetas da Rúa da BD. O edil afirmou no acto que a historieta forma parte da personalidade desta cidade, “unha maneira de contar que seguiremos apoiando desde o Goberno de Inés Rey, dándolle espazo e visibilidade ao noso colectivo Coruña Gráfica e a iniciativas que poñan en valor aos talentos do país”.
Esta edición, sinalou, estará protagonizada por referentes nacionais “resilientes” todas e todos, “en que cada unha/un demostrou saber sobrevivir cun estilo propio e a través de xéneros ben distintos”. O edil destacou a presenza de Pepe Larraz, un embaixador dos superheroes, ou de Javier Olivares, premio nacional que compartirá espazo con Núria Tamarit, Teresa Valero ou Patricia Martín. A tan só un ano de cumprir os 25 anos de vida, o edil sinalou que o salón xa alcanzou o obxectivo desexado que é que A Coruña o sinta como seu, como xa dixo na presentación o seu director, Miguelanxo Prado.
Recalcou que ese cariño da xente a Viñetas desde o Atlántico se debe á súa vocación, “un salón que naceu para gustar a todos os públicos”. Neste punto, asegurou que o festival ten o mesmo carácter aberto que a cidade que o acolle e que por iso non exclúe, senón que trata de enganchar ao público non afeccionado.
Celemín fixo fincapé na mostra que se poderá ver sobre o traballo realizado por Das Pastoras inspirado no personaxe de Hércules e resaltou a importancia de apoiar a talentos do país con Begoña García-Alén e Andrés Magán, actuais premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga.
Pola súa parte, Miguelanxo Prado explicou que a Rúa da BD está situada no mesmo lugar que o ano pasado cun único sentido de circulación e todas as medidas de seguridade como xel hidroalcólico e a obriga de visitala con máscara. Xa no interior dos espazos, os itinerarios para percorrer as mostras están sinalizados e as salas de conferencia teñen unha limitación de 18 prazas. Media hora antes de cada conferencia poñeranse ao dispor do público as invitacions, mais poderanse ver todas elas en streaming e quedarán subidas na web. O director asegurou que tras case dous anos de pandemia, “sentímonos moi orgullosos porque hai un conxunto de autoras e de autores de primeirísimo nivel”.