— A cuarta edición do programa Talento Sénior destina máis de 940.000 euros para seguir consolidando o sistema galego de innovación a través da captación e retención de talento
— Beneficiaranse destas axudas nove compañías e catros organismos de investigación e centros tecnolóxicos situados na Coruña, Ames, Santiago de Compostela, Ourense, Vigo e Vilanova de Arousa
— Nas súas catro edicións, esta iniciativa ten facilitado a contratación de 49 profesionais para desenvolver tarefas de innovación na Comunidade
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria do programa Talento Sénior, ao que destinará máis de 940.000 euros para seguir consolidando o sistema galego de I+D+i a través da atracción e retención de profesionais.
As axudas, centradas no retorno de persoal investigador con carreiras consolidadas, permitirá apoiar un total de 13 contratos. En concreto, esta iniciativa seleccionou nove empresas e catro organismos de investigación e centros tecnolóxicos das áreas da Coruña, Santiago, O Salnés, Ourense e Vigo que contarán con especialistas en I+D+i ligados á biotecnoloxía, agroalimentación, enerxía, medio ambiente, saúde, fabricación industrial, aeronáutica ou tecnoloxías da información.
Os beneficiarios son o centro tecnolóxico Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a empresa Nubodata Tech Solutions (A Coruña); Advanced Science and Technology (Ames); Situm Technologies e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; a empresa Egatel e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria-Evega (Ourense); as empresas Alice Biometrics, Edafotec Suelos a la Carta, Hermasa Canning Tecnology, o centro tecnolóxico Gradiant e o Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo); e Sociedade Agrícola Galega (Vilanova de Arousa).
Das contratacións que se van realizar, oito serán contratos indefinidos (o 61%) e sete correspóndense con candidatos retornados doutras comunidades (Asturias, Madrid e Barcelona, entre outras) ou de fóra de España (Reino Unido, Portugal e Bélxica). Ademais, sete dos trece contratos apoiados corresponden a mulleres.
Esta iniciativa enmárcase, xunto con outras medidas como Oportunius, Principia ou Ignicia, no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia. En total, nas catro edicións do programa Talento Sénior tense apoiado a contratación de 49 profesionais altamente cualificados para desenvolver tarefas de I+D+i en empresas e organismos de investigación de Galicia.
Este programa supón un estímulo para que as empresas leven a cabo en Galicia as súas actividades de innovación, ao tempo que actúa como un elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos, impulsa a competitividade do tecido empresarial e apoia a creación, retención e captación de talento e de postos de traballo cualificados.