Saturday 16 de November de 2024

Turismo de Galicia participa no III Workshop Internacional de Turismo Relixioso en Fátima


O evento está dirixido a operadores turísticos de mercados internacionais tan relevantes como Brasil, España, Irlanda, Italia, Polonia, India, Indonesia, Corea do Sur, Filipinas e Colombia, entre outros

Turismo de Galicia participa no III Workshop Internacional de Turismo Relixioso que celebrase na cidade portuguesa de Fátima do 20 a 23 de febreiro.

O workshop, organizado por ACISO -Asociación Empresarial Ourém-Fátima-, en colaboración co Municipio de Ourém e co apoio de Turismo de Portugal e de Turismo do Centro de Portugal, versará baixo o título “Turismo Relixioso – Novas Respostas a Novos Desafíos”.

O evento está dirixido a operadores turísticos de mercados internacionais tan relevantes como Brasil, España, Irlanda, Italia, Polonia, India, Indonesia, Corea do Sur, Filipinas e Colombia, entre outros.

Deste xeito, daranse cita neste workshop os operadores turísticos, tanto nacionais como internacionais, os axentes de viaxe e hoteleiros, entre outros empresarios do sector do turismo, especialmente vinculados ao turismo relixioso.

A celebración do encontro ten como obxectivo promover contactos comerciais entre os participantes e concienciar da importancia do turismo relixioso no contexto do sector turístico mundial.

Despois do éxito das dúas edicións anteriores, a organización espera que neste ano o workshop acolla mais de mil reunións e contactos.

Turismo de Galicia participará na mesa redonda que reflexionará sobre a dinamización dos destinos de turismo relixioso. Deste xeito, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, debaterá acerca da preparación dun destino dende o punto de vista do enriquecemento da experiencia do visitante, das súas accesibilidades, da vinculación con os recursos culturais e turísticos do entorno. Así, outro dos temas que serán abordados na dita mesa redonda será a articulación da actuación dos axentes públicos e privados.

O xerente do Xacobeo compartirá debate con representantes da Opera Romana Pellegrinaggi, da Arquidiocese de Aparecida e co presidente da Rede de Judiarias de Portugal.

A terceira edición deste workshop de turismo relixioso acollerá outros interesantes relatorios como “Fátima 2017 – unha ruta conmemorativa” ou a mesa redonda sobre a comunicación estratéxica dos destinos relixiosos, na que participará o historiador e autor de “Camiños de Santiago”, Paulo Almeida Fernandes.